Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Martes, 24 de decembro de 2013 Páx. 49776

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2013, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Cambados e Ribadumia (expediente IN407A 2013/57-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS e CT Baltar.

Situación: Cambados e Ribadumia.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ de 614 metros de lonxitude, aproximadamente, con orixe na LMT aérea CBD806 (Ribadumia) e final no CT proxectado. Centro de transformación de 160 kVA, RT 20 kV/400-230 V, situado en Baltar, Castrelo, Cambados.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 30 de abril 2013, no BOP do 29 de abril de 2013, no xornal Faro de Vigo do 25 de abril de 2013 e no taboleiro de anuncios do Concello de Cambados. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Con data do 26 de abril de 2013, Ana Rey Mouta e Urbano Rey Rey, como titulares dos predios número 2 e número 1 respectivamente, afectados polo proxecto LMTS e CT Baltar, promovido por Unión Fenosa Distribución, S.A., presentan escrito de alegacións en que solicitan o traslado do centro de transformación (CT) da situación proxectada no linde de ambos os dous predios. Os alegantes propoñen dúas alternativas: situar o CT na súa totalidade no predio propiedade de Ana Rey Mouta (polígono 26, parcela 65), que se atopa a unha distancia duns 50 metros, ou ben, subsidiariamente, colocar o CT na parcela 8, polígono 30, no lugar indicado no plano que achegan.

Unión Fenosa Distribución, S.A. contesta que unha vez estudadas as dúas alternativas propostas, a segunda sería a máis viable, ao tratarse do mesmo predio incluído no procedemento expropiatorio. Con data do 26 de agosto de 2013, presenta escrito en que comunica a consecución dun acordo sobre a colocación da totalidade do CT no predio propiedade de Ana Rey Mouta, parcela 8, polígono 30, arrimado ao seu lindeiro oeste, achegando copia do acordo asinado e xustificante de pagamento, así como un plano coa nova situación do CT.

De acordo co anterior, o predio número 1, propiedade do alegante Urbano Rey Rey queda desafectado polo proxecto, ao ter chegado a un acordo Unión Fenosa Distribución, S.A. coa alegante Ana Rey Mouta, para a instalación da totalidade do CT no predio número 2, atendendo así á segunda alternativa proposta polos alegantes.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997 do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar e aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 28 de novembro de 2013

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra