Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 19 de decembro de 2013 Páx. 48814

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de decembro de 2013 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación ADO Moure Pro Deporte.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación ADO Moure Pro Deporte, con domicilio na rúa Camiño Caneiro, 12, Ourense.

Feitos:

1. Carlos Moure Castro, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de interese galego.

2. A Fundación ADO Moure Pro Deporte foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 28 de febreiro de 2013 ante o notario Francisco Javier Fernández González, co número de protocolo 377, por Carlos Moure Castro, quen actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi complementada por outra do 19 de novembro de 2013, outorgada ante o mesmo notario, co número de protocolo 1.966.

3. Segundo consta no artigo 8 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto o fomento do deporte, perseguindo como fins principais o impulso da actividade deportiva como causa xeradora de hábitos favorecedores da integración e reinserción social e de fomento da solidariedade, a través da promoción e desenvolvemento de plans de promoción do deporte e de actividades socioculturais e lúdico-recreativas dirixidos ao conxunto dos cidadáns, dedicando unha especial atención ás actividades levadas a cabo por grupos de exclusión social e colectivos marxinados, discapacitados físicos e sensoriais, ao deporte escolar, así como ás prácticas deportivas que fomenten a participación e integración das persoas da terceira idade.

A Fundación potenciará a práctica deportiva como elemento fundamental do sistema educativo, da saúde e da calidade de vida, promovendo activamente o deporte como elemento determinante na utilización do tempo de lecer na sociedade contemporánea e a súa implantación como factor corrector de desequilibrios sociais que contribúe á igualdade entre os cidadáns.

A Fundación prestará especial atención á consecución de obxectivos que permitan a integración de colectivos marxinados, de tal modo que estes non se vexan privados dunha participación igualitaria en calquera das modalidades deportivas que se organicen desde a Fundación.

A Fundación promoverá e alentará a sociedade para ser activa, coa concienciación de que o deporte de competición pode continuar durante toda a vida, fortalecer e facer crecer o movemento deportivo, así mesmo promover a amizade e o entendemento entre os deportistas, independentemente da súa idade, xénero, relixión ou condición.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Carlos Moure Castro como presidente; Margarita María Fraga Tejada como vicepresidenta; Carlos Moure Fraga como secretario; e Susana Moure Fraga e Cristina Moure Fraga como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación ADO Moure Pro Deporte, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de novembro de 2013.

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación ADO Moure Pro Deporte, adscribíndoa ao Protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpor previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza