Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 18 de decembro de 2013 Páx. 48784

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Chantada

ANUNCIO de información pública sobre a aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal nas inmediacións de Vilela (Merlán).

Aprobada inicialmente polo Pleno do Concello, na sesión que tivo lugar o día 14 de outubro de 2013, a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Chantada, no lugar de Vilela, parroquia de Merlán, sométese a información pública, polo prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, xunto co citado acordo de aprobación inicial que é como segue:

«3. Aprobación inicial da modificación puntual do PXOM nas inmediacións de Vilela (Merlán), ditame da comisión informativa.

Ditaminado favorablemente o expediente pola comisión informativa do 16 de setembro de 2013.

A Alcaldía expón a seguinte proposta:

Visto que se elaborou e redactou proxecto de modificación do Plan xeral de ordenación municipal polo equipo redactor Eptisa.

Visto que, unha vez culminado o traballo de elaboración da modificación e disposta para a súa aprobación inicial, antes desta foi solicitado un informe á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio que sinalaba que cumpría facer algunhas emendas que constan no informe recibido do 23 de xaneiro de 2013, con número de rexistro de entrada 218.

Visto que se remitiu o proxecto ao órgano ambiental competente, que se pronunciou informando sobre o innecesario de someter o proxecto á avaliación ambiental estratéxica, informe recibido o 29 de agosto de 2012, con número de rexistro de entrada 3031.

Visto o informe de Secretaría do día 17 de xullo de 2013, e de conformidade co disposto nos artigos 22.2.c) e 47.2.II) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Propoño ao Pleno a adopción do seguinte acordo:

Primeiro. Que se aprobe inicialmente o proxecto de modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Chantada nas inmediacións de Vilela (Merlán) nos termos que constan no expediente.

Segundo. Que se abra un período de información pública por un prazo dun (1) mes mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia. Durante o dito período o expediente quedará á disposición de calquera que queira examinalo para que se presenten as alegacións que se consideren pertinentes.

Terceiro. Que se suspenda o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente. A duración da suspensión é de dous anos. As áreas afectadas pola suspensión son as seguintes:

Subestación Fenosa Vilela (Merlán).

Esta suspensión publicarase conxuntamente coa aprobación inicial.

Cuarto. Que se lles soliciten, ao mesmo tempo que se realiza o trámite de información pública, os informes aos organismos afectados por razón das súas competencias sectoriais, os cales deben emitilo no prazo dun mes, agás que unha disposición autorice un prazo máis longo».

Intervén o Sr. Piñeiro Díaz, membro non adscrito, que di que estamos axudando as eléctricas e nunca se acordan dos cidadáns e soben as tarifas. Van votar en contra porque non ven unha contrapartida.

Intervén o señor Fernández Reinoso, voceiro do PP, e di que o seu partido votará a favor.

Intervén o Sr. Ledo Fernández, voceiro do PSOE, e di que está de acordo co que dixo o señor Piñeiro Díaz.

Procédese á votación, e o resultado é o seguinte:

10 votos a favor (5 INTA, 3 PP, 2 PSOE).

3 en contra, dos membros non adscritos.

Por conseguinte, a proposta é aprobada por maioría absoluta.

Chantada, 6 de novembro de 2013

Manuel Lorenzo Varela Rodríguez
Alcalde