Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 16 de decembro de 2013 Páx. 48161

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de novembro de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Sarria (expediente PTU-LU-13/089).

O Concello de Sarria remite documentación correspondente ao expediente de referencia para os efectos da súa aprobación definitiva conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O proxecto técnico, datado en maio de 2013, está integrado por memoria, normativa e anexos (informe de alegacións e análise dos informes sectoriais), subscritos polos arquitectos Juan A. Caridad Graña e Isidro López Yáñez, da empresa consultora OAU (Oficina de Arquitectura, Urbanismo y Planificación, S.L.P.).

Examinada a documentación achegada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Sarria dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente con data do 28.7.1981, modificadas con data do 30.7.1986 e posteriores modificacións sen afección neste expediente.

2. Consta Decisión do 11.10.2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se declara a non necesidade de someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Por Acordo municipal plenario do 30.11.2012 deuse a aprobación inicial á modificación puntual.

4. Cumpriuse co trámite de exposición pública do proxecto de modificación, con publicación do acordo de aprobación inicial no DOG do 2.1.2013 e xornais do 20.12.2012. Simultaneamente, notificóuselles aprobación inicial aos concellos limítrofes e someteuse o documento ás consultas indicadas no documento de referencia do 10.1.2003.

5. Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais: administrador de infraestruturas ferroviarias (ADIF) (17.1.2013); Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (Min. de Industria); Axencia Galega de Infraestruturas (15.2.2013); Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (12.4.2013), e Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (3.5.2013).

6. Por Acordo municipal plenario do 31.5.2013 aprobouse provisionalmente a modificación.

7. Esta modificación puntual non precisou informe previo á aprobación inicial por atoparse no suposto do artigo 93.4 da LOUG, dado que non implica a reclasificación de solo, nin incremento da intensidade de uso, nin altera os sistemas xerais previstos no PXOM.

II. Obxecto e alcance da modificación.

O proxecto de modificación puntual propón unha nova redacción dos artigos 3.5.3, 3.5.4, 4.1.4.3 e 4.2.4.3 da normativa das NSP, aumentando a altura máxima da planta baixa das ordenanzas de solo urbano en 80 cm, desde os 5,30 m actuais ata 6,10 m, modificando a altura xeral máxima de cornixa das edificacións na mesma medida.

III. Análise e consideracións.

1. A modificación puntual xustifica o seu interese público na distribución típica de usos das plantas baixas do núcleo de Sarria, xeradas polas vixentes NSP: «As entreplantas dedícanse habitualmente a usos como os de oficinas, despachos profesionais e outros servizos profesionais, e as plantas baixas dedícanse habitualmente a locais comerciais ou salas de reunión como bares, cafetarías, restaurantes etc.» (artigo 1.3.1 da memoria do proxecto de modificación). Para estes efectos, e en relación con estes últimos usos, arguméntase que o Real decreto 2816/1982, do 27 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de policía de espectáculos públicos e actividades recreativas, establece no seu artigo 10 que «A altura mínima libre que terán os locais destinados a espectáculos públicos non será inferior a 3,20 metros, medidos desde o chan da sala ata o teito».

A regulamentación das alturas para actividades recreativas, locais comerciais e oficinas vén dada polo Real decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, como correctamente se establece na nova redacción do artigo 3.5.4 que introducirá o proxecto de modificación puntual. O dito real decreto establece no seu anexo I que a altura mínima será de «3 metros de altura desde o piso ata o teito. Non obstante, en locais comerciais, de servizos, oficinas e despachos, a altura poderá reducirse a 2,5 metros», entendendo restaurantes, bares e cafetarías como locais de prestación de servizos de restauración ou hostalaría.

Daquela, as razóns argumentadas na modificación poden entenderse como base de interese xeral nos termos exixidos no artigo 94.1 da LOUG, considerando as alturas predominantes nos locais de Sarria, a necesidade de lles outorgar aos locais con acceso ao público das plantas baixas unha maior altura e que estas modificación non se traducen nun incremento da edificabilidade.

2. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable sobre a modificación no tocante aos artigos 3.5.3 e 3.5.4 da normativa e desfavorable sobre modificación dos artigos 4.1.4.3 e 4.2.4.3 da normativa, no ámbito BIC do Camiño Francés, aspecto que se emenda correctamente nas novas redaccións destes artigos introducidas polo proxecto de modificación puntual.

De conformidade co artigo 89 da LOUG e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Con base en todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Sarria de acordo co número 7.a) do artigo 85, en relación co 93.4, da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan xeral aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas