Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 3 de decembro de 2013 Páx. 46699

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de novembro de 2013 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Santa María Nai.

Feitos.

Primeiro. O 31 de xullo de 2013, o Rexistro de Fundacións do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, no cal consta inscrita a Fundación Santa María Nai, comunica ao Rexistro de Fundacións da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a modificación do artigo 1.3 dos estatutos da Fundación, que establece un ámbito territorial de actuación limitado á Comunidade Autónoma de Galicia, e solicita a tramitación do correspondente procedemento de traslado do expediente da fundación e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

O 14 de outubro de 2013, José Antonio Gil Sousa, presidente da Fundación Santa María Nai, solicita a adscrición da Fundación ao Protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo. A Fundación foi constituída en escritura pública número 843, outorgada o 4 de marzo de 2005 ante o notario de Ourense Alejo Calatayud Sempere, e inscrita no Rexistro de Fundacións do Ministerio de Cultura por Orde do 13 de maio de 2005 (BOE nº 139, do 11 de xuño).

Terceiro. Os fins da Fundación, segundo consta no artigo 5 dos estatutos protocolizados en escritura pública número 619, outorgada o 17 de abril de 2013 ante o notario de Ourense Daniel Balboa Fernández, consisten na contribución a tarefas de evanxelización mediante o labor docente, a conservación, protección e ordenación do ambiente, a recuperación, mantemento e sustentabilidade de actividades agropecuarias, a conservación recuperación e manexo do patrimonio natural e cultural, o desenvolvemento rural a través da integración do turismo rural, a conservación, restauración e revalorización da riqueza patrimonial, arqueolóxica e monumental da Igrexa, entre outros.

Cuarto. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, a comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Santa María Nai, e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. O expediente da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do 11 de novembro de 2013,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Santa María Nai e adscribila ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pódese interpoñer, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza