Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 3 de decembro de 2013 Páx. 46702

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 20 de novembro de 2013 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 1, con ordenación detallada, do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Nogueira de Ramuín (Ourense).

O Concello de Nogueira de Ramuín eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da modificación puntual con ordenación detallada do PXOM, de conformidade co previsto no artigo 85.7 da LOUG, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Nogueira de Ramuín conta cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 13.11.2001.

2. O 16 de xaneiro de 2013 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ditou orde de non aprobación definitiva da modificación puntual e sinalou unha serie de deficiencias que se debían emendar.

3. Consta a emisión de novos informes sectoriais, nomeadamente:

• Informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente no 16 de xaneiro de 2013, que sinala que non se atopa ningún motivo contra o desenvolvemento da modificación.

• Informe do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo sobre telecomunicacións, do 13 de febreiro de 2013, en cumprimento do sinalado no artigo 26.2. da Lei 32/2003, xeral de telecomunicacións, con observacións.

4. Consta informe do 28 de febreiro de 2013, dos técnicos redactores, no cal se recollen as correccións realizadas no documento da modificación puntual para emendar as deficiencias sinaladas polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

5. Despois de corrixir o expediente da modificación puntual e despois dos informes municipais xurídico e técnico de arquitectura do 10 de xuño de 2013, o Pleno do Concello, en sesión ordinaria celebrada o 30 de agosto de 2013, aprobou provisionalmente a modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizado o expediente remitido e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. Obxecto.

1. O ámbito de actuación correspóndese cunha zona de solo urbano de 7.623,13 m2, próximo ás principais dotacións do concello, ao cal se accede desde a estrada Luíntra-Valdomar, que inclúe unha bolsa con ordenanza SU.03 de edificación unifamiliar illada e un sistema viario correspondente a unha vía de 8 m de largo.

2. O obxecto da modificación puntual consiste na ordenación dunha área de repartición que permita obter solo para a construción de vivendas unifamiliares, das cales o 50 % estarán suxeitas a algún réxime de protección, adaptándoa á topografía e ás vías existentes e solucionando os problemas de circulación e accesibilidade, para axustarse así ao establecido no artigo 94.1. da LOUG.

II.2. Contido.

1. A proposta cumpre co establecido nos artigos 46, 47 e 94 da LOUG, xa que, manten unha edificabilidade por debaixo dos límites de sustentabilidade máximos e prevé unhas reservas de solo para equipamento e zona verde local que crean unha continuidade cos sistemas xerais de espazo libre existentes ao norte e oeste da actuación.

2. Xustifícase a substitución da vía pública prevista no PXOM, por ter unha pendente media do 27 %, por unha nova vía pública en fondo de saco que dá acceso a todas as parcelas e alcanza maior funcionalidade no seu uso polos peóns.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. De acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 1 con ordenación detallada do PXOM de Nogueira de Ramuín.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas