Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 3 de decembro de 2013 Páx. 46706

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 29 de novembro de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 13 de xuño de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotacións agrarias, para a incorporación de mozos á actividade agraria, e para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

Mediante a Orde do 13 de xuño de 2013 (DOG nº 118, do 21 de xuño) convocáronse para o ano 2013 as axudas para a modernización das explotacións agrarias, para a incorporación de mozos á actividade agraria, e para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo.

As ditas axudas en esencia establécense para mellorar a estrutura produtiva das explotacións agrarias mediante o financiamento de investimentos en plans de mellora para as explotacións agrarias, e a incorporación de mozos á actividade agraria en réxime de concorrencia competitiva.

A orde previu para a medida de plans de melloras (código orzamentario de proxecto 200700399) inicialmente un importe de cinco millóns (5.000.000) de euros, e para a medida de primeira instalación de agricultores mozos (código orzamentario de proxecto 200700400), dous millóns (2.000.000) de euros.

Dado que a orde no seu artigo 47 preve a posibilidade de incrementar a aplicación orzamentaria con fondos adicionais, amplíanse os límites plurianuais nas medidas de plans de melloras e de primeira instalación de agricultores mozos, por un importe global de dez millóns (10.000.000) de euros, e seis millóns (6.000.000) de euros, respectivamente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas á modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria, convocadas para o ano 2013, de acordo coa Orde do 13 de xuño de 2013 (DOG nº 118, do 21 de xuño), increméntase, respectivamente, no importe de dez millóns (10.000.000) de euros, na aplicación orzamentaria 712B7720 código de proxecto 200700399; e no importe de seis millóns (6.000.000) de euros, na aplicación orzamentaria 712B7720 código de proxecto 200700400. O dito incremento efectúase do seguinte xeito:

– Aplicación orzamentaria 712B7720 código de proxecto 200700399, para o ano 2013 en douscentos mil (200.000) euros, para o 2014 en dous millóns oitocentos mil (2.800.000) euros, e para o ano 2015 en sete millóns (7.000.000) de euros. Polo que a cantidade total é de quince millóns (15.000.000) de euros.

– Aplicación orzamentaria 712B7720 código de proxecto 200700400, para o ano 2013 en trescentos mil (300.000) euros, e para o ano 2014 en cinco millóns setecentos mil (5.700.000) euros. Polo que a cantidade total é de oito millóns (8.000.000) de euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

A ampliación e o reaxuste das anualidades previstas no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 13 de xuño de 2013.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar