Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 3 de decembro de 2013 Páx. 46708

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 29 de novembro de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 24 de maio de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

Mediante a Orde do 24 de maio de 2013 (DOG nº 105, do 4 de xuño) convocáronse para o ano 2013 as axudas para a utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

As ditas axudas están destinadas a agricultores para facer fronte aos custos de utilización de servizos de asesoramento destinados a mellorar o rendemento global da explotación.

A orde preveu para esta medida (código orzamentario de proxecto 200700407) inicialmente un importe de 700.000 euros.

Dado que a orde no seu artigo 17 prevé a posibilidade de incrementar a aplicación orzamentaria con fondos adicionais, amplíanse os límites plurianuais na medida de utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias, por un importe global de 1.500.000 euros.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas á utilización de servizos de asesoramento por persoas titulares de explotacións agrarias, convocadas para o ano 2013, de acordo coa Orde do 24 de maio de 2013 (DOG nº 105, do 4 de xuño), increméntase no importe de 1.500.000 euros, na aplicación orzamentaria 712B7724, código de proxecto 200700407. Este incremento efectúase do seguinte xeito:

– Aplicación orzamentaria 712 B 7724, código de proxecto 200700407.

Importe para o ano 2013 en douscentos catorce mil douscentos oitenta e seis euros (214.286 €).

Importe para o ano 2014 nun millón douscentos oitenta e cinco mil setecentos catorce euros (1.285.714 €).

Polo tanto, a cantidade total é de dous millóns douscentos mil (2.200.000) euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

A ampliación e o reaxuste das anualidades previstas no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 24 de maio de 2013.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar