Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Xoves, 28 de novembro de 2013 Páx. 46229

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ourense

ANUNCIO de aprobación inicial da revisión do Plan xeral de ordenación municipal de Ourense expediente 2010002650 (11800/12).

Anúnciase que o Concello Pleno, en sesión extraordinaria do 8 de novembro de 2013 adoptou, entre outros, o seguinte acordo, cuxa parte dispositiva di:

Único. Revisión do Plan xeral de ordenación municipal de Ourense, redactado pola mercantil Oficina de Planeamento, S.A. Expediente Planeamento 2010002650 (11800/12). Resolución de emendas e aprobación inicial.

O secretario dá conta do ditame da Comisión de Pleno do 25 de outubro de 2013. A Presidencia somete a votación a emenda do Bloque Nacionalista Galego, que se aproba por unanimidade.

Sometida a votación a emenda de Democracia Ourensana, obtense o seguinte resultado: un voto a favor do grupo municipal de Democracia Ourensana, cinco votos en contra dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e Bloque Nacionalista Galego e tres abstencións do grupo municipal do Partido Popular.

A seguir sométese a votación a proposta que, por cinco votos a favor dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e Bloque Nacionalista Galego, e catro abstencións dos grupos municipais do Partido Popular e Democracia Ourensana, coa incorporación da emenda aprobada do Bloque Nacionalista Galego e nos termos sinalados pola Secretaría, isto é, no punto 3 engádese a expresión «ampliando un mes máis ata un total de tres, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 30/1992».

No punto 5 débese engadir a expresión «durante o prazo de exposición pública expresada no punto 3».

O Pleno do Concello, por catorce votos a favor dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e Bloque Nacionalista Galego, dous votos en contra do grupo municipal de Democracia Ourensana, e once abstencións do grupo municipal do Partido Popular, adoptou o seguinte acordo:

1. Aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Ourense, redactado pola mercantil Oficina de Planeamento, S.A., integrados polos seguintes documentos:

a) Memoria de información urbanística.

b) Memoria de ordenación.

c) Estudo do medio rural e análises de asentamento poboacional. Anexo ficheiro de núcleos.

d) Informe de sustentabilidade ambiental.

e) Planos de información urbanística.

f) Planos de ordenación urbanística.

g) Normativa urbanística.

h) Estratexia de actuación e estudo económico.

i) Catálogo (tomos I, II e III).

j) Memoria de sustentabilidade económica.

k) Resumo executivo.

2. Suspender o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición no termo municipal de Ourense. Non obstante, poderanse outorgar licenzas nos seguintes casos:

a) No solo rústico, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do plan vixente e as do plan revisado aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira.f) da LOUG.

b) No solo de núcleo rural, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do plan vixente e as do plan revisado aprobado inicialmente aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira.e) da LOUG.

c) No solo urbano, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do plan vixente e as do plan revisado aprobado inicialmente aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira.b) e c), respectivamente, da LOUG. Inclúense os ámbitos en que o plan revisado aprobado inicialmente incorpora a ordenación, conforme a disposición transitoria segunda, alínea 2ª, disposición transitoria cuarta, disposición transitoria quinta, disposición transitoria sexta e disposición derradeira cuarta, disposición derradeira quinta e disposición derradeira sexta, sempre que se cumpran as determinacións establecidas no seu planeamento coas modificacións que proveñan das citadas disposicións transitorias e derradeiras.

d) Nos ámbitos que o plan revisado aprobado inicialmente incorpora a ordenación conforme á súa disposición transitoria segunda, alínea 1ª, e disposición transitoria terceira, sempre que se cumpran as determinacións establecidas no seu planeamento coas modificacións que proveñan das citadas disposicións transitorias.

e) Os ámbitos incluídos no Decreto 187/2011, do 29 de setembro, polo que se suspende parcialmente a vixencia do Plan xeral de ordenación urbana do Concello de Ourense e se aproba a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento.

A suspensión terá unha duración máxima de dous anos contados desde a súa aprobación e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

3. Someter o expediente ao trámite de información pública e de consultas da avaliación ambiental estratéxica durante o prazo de dous meses na forma prevista no artigo 85.2 da Lei de Galicia 9/2002, ampliándoo un mes máis ata un total de tres de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 30/1992.

Durante este tempo a documentación completa que conforma a redacción do PXOM, na que se incluirá o texto do convenio de colaboración entre esta Administración e a Universidade de Vigo no marco da revisión do PXOU, estará á disposición de todos os interesados no antigo edificio do Banco de España, sito na rúa do Paseo, nº 20, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres.

A publicación de este acordo suporá o inicio da fase de exposición ao público e da suspensión das licenzas.

4. Solicitar os informes sectoriais de conformidade co previsto no artigo 85.3 da Lei de Galicia 9/2002.

5. Dar audiencia aos concellos limítrofes de acordo co previsto no artigo 85.2 da Lei de Galicia 9/2002 durante o prazo de exposición pública expresado no punto 3.

Ourense, 18 de novembro de 2013

Agustín Fernández Gallego
Alcalde presidente