Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 27 de novembro de 2013 Páx. 46091

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO de información pública relativo á aprobación inicial do proxecto de modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana para establecer e regular o uso de crematorio.

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 28 de outubro de 2013, e de conformidade co ditame da Comisión Permanente de Urbanismo e Medio Ambiente, adoptou o seguinte acordo:

(...) «Primeiro. Prestar aprobación inicial ao Proxecto de modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana do municipio de Pontevedra, para establecer e regular o uso de crematorio, instrumento urbanístico redactado polo arquitecto municipal xefe da Oficina de Planeamento e Xestión Urbanística, datado o 11.9.2013, cuxa motivación e oportunidade se xustifican na proposta da Tenencia da Alcaldía do 15.11.2012 e no seu desenvolvemento no propio proxecto e no informe-proposta da Dirección Xeral da Área de Urbanismo do Concello do 16.9.2013 e demais que constan no expediente.

Segundo. Dispor o sometemento deste expediente a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial da provincia, taboleiro de editos do Concello de Pontevedra, na páxina web
http://www.pontevedra.eu e en dous dos xornais de maior difusión da provincia, con notificación individual aos interesados, todo isto para os efectos de que durante tal período poidan formularse as alegacións e suxestións oportunas. O prazo de alegacións computará desde o día seguinte ao da publicación do primeiro anuncio e ata o transcurso do prazo de dous meses contados desde a última das publicacións referidas.

Terceiro. Dispor a suspensión das licenzas de edificación para novas edificacións ou instalacións destinadas ao uso de crematorio, incineradoras de cadáveres humanos ou restos de exhumación, e estender o seu ámbito a todo o termo municipal, e sen prexuízo do disposto no artigo 120 do Regulamento de planeamento, Real decreto 2159/1978, do 23 de xuño.

No anuncio de aprobación inicial farase expresa mención á presente suspensión, con referencia ao dito proxecto de modificación puntual respecto da nova normativa proposta, proxecto no cal, así mesmo, consta o preceptivo resumo executivo.

Cuarto. Conceder audiencia aos seguintes organismos, co obxecto de que remitan este acordo aos diversos órganos periféricos das súas respectivas administracións públicas con atribucións na materia, co fin de que poidan formular as correspondentes suxestións/alegacións ou emitir os seus oportunos informes, no prazo dun mes contado desde a notificación deste acordo. Durante o referido prazo poderán examinar no Concello o expediente:

– Delegación do Goberno Central en Galicia.

– Delegación Territorial de Pontevedra da Xunta de Galicia.» (...)

Resumo executivo:

Segundo o determinado no artigo 11.3 do texto refundido da Lei do solo (Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño).

Promotor: Concello de Pontevedra.

Editor: Tenencia da Alcaldía responsable da Área de Urbanismo.

Equipo redactor: Oficina Técnica de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello.

Técnico responsable: arquitecto, xefe do servizo: Carlos García Velasco.

Obxectivo: establecer e regular o uso e a actividade de crematorio en todo o ámbito do término municipal ao non estar contido no planeamento municipal actual nin existir unha normativa urbanística de rango superior de posible utilización subsidiaria.

Contido e alcance: ao non regular o planeamento municipal o uso de crematorio, existe un baleiro que se trata de emendar mediante a modificación puntual do plan xeral, co obxecto de establecer e regular o uso e a actividade de crematorio en todo o ámbito do término municipal.

Delimitación dos ámbitos en que a ordenación proxectada altera a vixente: o ámbito da modificación puntual é o termo municipal, xa que se regula o uso e a actividade de crematorio en todas as clasificacións e cualificacións do solo.

Ámbitos en que se suspende a ordenación: suspéndense en todo o termo municipal as licenzas de edificación para novas edificacións ou instalacións destinadas ao uso de crematorio, incineradoras de cadáveres humanos ou restos de exhumación, sen prexuízo do disposto no artigo 120 do Regulamento de planeamento, Real decreto 2159/1978, do 23 de xuño.

Pontevedra, 5 de novembro de 2013

Beatriz Rodríguez Yáñez
Técnica da Administración xeral