Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 27 de novembro de 2013 Páx. 46067

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

ANUNCIO do 15 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, polo que se emprazan os posibles interesados no expediente de peche da oficina de farmacia con sigla C-296-F, da zona farmacéutica de Val do Dubra.

Dentro do procedemento de oficio seguido en relación coa oficina de farmacia, con sigla C-296-F, situada na rúa Arcai, núm. 81, Bembibre, da zona farmacéutica de Val do Dubra, titularidade de Jesús J. Barrio Ibáñez, o pasado 6 de xuño de 2013 a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, de acordo coas competencias que lle confire o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, acordou o peche definitivo forzoso da devandita oficina de farmacia.

Dentro das actuacións tendentes a lograr a efectividade do dito acordo, o pasado 11 de novembro de 2013, persoal da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade do Departamento Territorial da Coruña, inspeccionou o local en que se atopaba a dita oficina co obxecto de comprobar o estado dos medicamentos e produtos sanitarios que había no seu interior, así como para adoptar as medidas pertinentes en relación cos devanditos medicamentos e produtos sanitarios.

Así mesmo, procedeuse á clasificación e realización dun inventario dos medicamentos e produtos sanitarios atopados e, dado que actualmente o local carece da preceptiva autorización administrativa para o almacenamento e depósito de medicamentos, acordouse o seu depósito temporal nas dependencias da Cooperativa Farmacéutica Galega (Cofaga), situadas no polígono de Pocomaco, parcela A-4, do concello da Coruña.

De conformidade co disposto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por ignorarse o lugar da notificación, póñense estes feitos en coñecemento dos herdeiros de Jesús J. Barrio Ibáñez e demais interesados para que poidan comparecer no expediente e nun prazo de quince días, contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio, formulen as alegacións que xulguen pertinentes na defensa dos seus intereses.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2013

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade