Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 25 de novembro de 2013 Páx. 45623

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 8 de maio de 2013 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

No Diario Oficial de Galicia do 24 de maio de 2013 publicouse a Orde do 8 de maio de 2013 pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

No artigo 3 da antedita orde establécese que para a concesión destas axudas se destina crédito polo importe e nas aplicación seguintes:

– Axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: 303.498,40 euros na aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.2.

– Indemnización establecida no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero: 45.000 euros na aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.1.

Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na data actual, dado o volume de solicitudes presentadas da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e que non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito inicialmente asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a esta axuda.

Por todo o exposto e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria asignada para a concesión da axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, na contía de 100.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.2.

Segundo. Esta ampliación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2013

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade