Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Martes, 19 de novembro de 2013 Páx. 44690

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do núcleo rural do Barral, parroquia de Castromaior, concello de Abadín (expediente PTU-LU-10/007).

O Concello de Abadín remite o proxecto de referencia redactado en abril de 2013 polo arquitecto técnico Antonio Javier Núñez Núñez, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional segunda.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia –en diante LOUG–.

Unha vez examinada a documentación achegada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) O municipio de Abadín carece de instrumento de planeamento xeral, conta cun proxecto de delimitación de solo urbano aprobado o 24.1.1992, réxese fóra do seu ámbito polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

b) En novembro de 2012 o Concello de Abadín solicitara a aprobación definitiva deste expediente de delimitación do núcleo rural do Barral. O expediente fora aprobado inicial e provisionalmente polo Concello o 18.7.2012 e o 6.11.2012, respectivamente, e contaba con informes favorables da Deputación Provincial de Lugo, emitido o 25.10.2011, e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 14.9.2012, condicionado á introdución das medidas protectoras e correctoras que nel se expoñían.

c) O 18.2.2013 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveu desfavorablemente sobre a súa aprobación definitiva e indicou a necesidade de limitar as posibilidades de división parcelaria, así como de solicitar informe do Ministerio de Fomento en relación coas afeccións á autovía A-8.

d) Con posterioridade, realizáronse os seguintes trámites:

– O Concello solicitou o referido informe sectorial de estradas, que foi emitido pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia con data do 4.4.2013, en sentido favorable, condicionado á introdución das observacións indicadas no corpo do informe.

– Elaborouse novo proxecto de delimitación atendendo ás observacións formuladas na resolución da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 18.2.2013 e mais no informe da Demarcación de Estradas.

– Emitiuse novo informe dos servizos técnicos municipais (9.4.2013) en senso favorable. Consideran que as modificacións introducidas en relación co documento aprobado provisionalmente en novembro de 2012 non son substanciais, polo que non requirirían dunha nova exposición pública.

– En sesión plenaria do 11.4.2013, o Concello de Abadín acordou aprobar provisionalmente o novo proxecto de delimitación.

II. Cumprimento das observacións sinaladas na anterior resolución da SXOTU do 18.2.2013.

a) En relación coa introdución de limitacións que garantiran o cumprimento do grao de consolidación edificatoria (artigo 13.3.a) LOUG), no número 11.2.9.4 prohíbense as segregacións do parcelario orixinal.

b) Polo que atinxe ao informe de estradas, ten carácter favorable, condicionado á introdución dunha serie de observacións, mencionadas nos puntos 8.5.4, 8.5.1.1, 10.2.2.1, 11.2.7 e 11.2.8 do novo proxecto.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do núcleo rural do Barral, parroquia de Castromaior, concello de Abadín.

2. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

3. No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, de ser o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

4. Notifíqueselle ao Concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file