Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 15 de novembro de 2013 Páx. 44452

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2013, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se crea a Área de Servizo Compartido de Cirurxía Pediátrica para o sur de Galicia.

O Servizo Galego de Saúde, no desenvolvemento da súa obriga de garantir a calidade dos procedementos e a seguridade dos pacientes, debe velar por que a actividade que se realiza en todos os seus servizos teña as mellores garantías de éxito e acade un volume mínimo de casos que permita o mantemento da experiencia dos/as profesionais que realizan os procedementos e reforce a súa configuración para garantir a atención continuada nos termos máis axeitados.

Así, e partindo dunha situación actual con catro unidades de cirurxía pediátrica existentes nos complexos hospitalarios Universitarios da Coruña, Santiago, Vigo e Ourense, e tendo constatada unha baixa demanda actual de procedementos de cirurxía pediátrica que se realizan no ámbito da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o Servizo Galego de Saúde acorda a creación dunha Área de Servizo Compartido para a prestación de cirurxía pediátrica que cubra a área sur de Galicia, configurada polo ámbito das estruturas organizativas de xestión integrada de Ourense, Verín, O Barco de Valdeorras e Vigo.

Esta Área de Servizo Compartido integrará funcionalmente as unidades de cirurxía pediátrica existentes nos actuais complexos hospitalarios universitarios de Ourense e Vigo.

Esta fórmula organizativa ten o seu amparo normativo na Lei 8/2008, de saúde de Galicia, que, no seu artigo 32, establece como principios reitores do Sistema público de saúde de Galicia potenciar o traballo e a cooperación interhospitalaria, achegar os servizos aos cidadáns e promover a equidade no acceso ás prestacións sanitarias. Asemade, o artigo 97 aposta por modelos de xestión dinamizadores do servizo público a través de fórmulas organizativas integradoras de procesos asistenciais utilizando medidas que fomenten a coordinación, colaboración e cooperación, superando a compartimentación existente entre hospitais.

Así mesmo, o modelo que se propón está en consonancia co disposto no Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de áreas de servizo compartido en estruturas hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, que establece, entre outros fins, procurar o aproveitamento do potencial dos recursos asistenciais presentes nos hospitais públicos, co obxecto de mellorar a calidade da asistencia sanitaria prestada. A publicación do devandito decreto creou un marco de actuación que permite a aplicación de técnicas que optimizan a asignación de recursos, axilizan o acceso aos servizos e melloran a satisfacción dos cidadáns.

Finalmente, cómpre subliñar que coa posta en marcha desta área se pretende xerar unha estrutura organizativa asistencial de calidade, capaz de mellorar aspectos da organización existente ata o de agora, creando un modelo estruturado, flexible e adaptado aos centros, promovendo unha organización de servizos máis integrada e compartindo, de forma máis eficiente, os recursos públicos, profesionais e técnicos, para a realización dos procedementos de cirurxía pediátrica coas maiores garantías de calidade e seguridade para os pacientes.

Por todo iso, ao abeiro do disposto na Lei de saúde de Galicia, elaborado o plan asistencial da citada área de servizo compartido en colaboración coas xerencias das EOXI correspondentes, e unha vez emitido informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria,

RESOLVO:

A creación da Área de Servizo Compartido de Cirurxía Pediátrica da área sur de Galicia, aunando os correspondentes recursos das EOXI de Ourense,Verín, O Barco de Valdeorras e Vigo.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2013

Mª Nieves Domínguez González
Xerente do Servizo Galego de Saúde