O día 25 de xuño de 2013 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 13 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a renovación de cubertas con lousa, e se procede a súa convocatoria para o ano 2013 (código de procedemento IN314A).
No artigo 15 das bases reguladoras da Orde do 13 de xuño de 2013, establécese que para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa, tendo de prazo máximo ata o 15 de novembro de 2013 (inclusive). O elevado número de solicitudes presentadas motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes. Co fin de garantir a maior eficacia posible das referidas subvencións e, dado que non se causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.
De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
DISPOÑO:
Artigo único
Amplíase ata o 20 de decembro de 2013 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da citada Orde do 13 de xuño de 2013 de renovación de cubertas con pizarra na Comunidade Autónoma de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2013
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria