Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 12 de novembro de 2013 Páx. 44059

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 5 de Reforzo da Coruña

EDICTO (539/2013).

Marta Yanguas del Valle, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 5 de reforzo da Coruña, fago saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 539/2013 deste xulgado do social, seguido por instancia de Alberto Veiga Velo contra a empresa Construcciones Hermanos Pereira Tajes, S.L., administrador concursal de Construcciones Hermanos Pereira Tajes, S.L. e Fogasa sobre despedimento, se ditou a resolución cuxo encabezamento e parte dispositiva son como segue:

«Sentenza 541/2013.

Xuíz: Javier López Cotelo.

Procedemento: resolución de contrato 539/2013.

Demandante: Alberto Veiga Velo.

Letrado: Sr. Nogueira Esmorís.

Demandado: Construcciones Hermanos Pereira Tajes, S.L.

Letrado:

Administrador concursal de Construcciones Hermanos Pereira Tajes, S.L.: Sr. Lucendo Monedero.

Fogasa:

Sentenza 541/2013.

A Coruña, 2 de outubro de 2013.

Decido:

1º. Estimo a demanda sobre despedimento formulada por Alberto Veiga Velo contra a empresa Construcciones Hermanos Pereira Tajes, S.L. e, en consecuencia, declaro a improcedencia do despedimento e condeno a demandada a que readmita inmediatamente o traballador nas mesmas condicións que rexían antes de se producir o despedimento, ou, a elección da empresa, á extinción da relación laboral con aboamento da indemnización detallada no número segundo desta resolución. Todo isto con aboamento, no caso de opción pola readmisión, dos salarios de tramitación que non percibise ata a notificación desta sentenza.

Esta opción deberase exercer en cinco (5) días a partir da notificación desta sentenza, mediante escrito ou comparecencia ante este xulgado. Transcorrido este termo sen que se optase, entenderase que procede a readmisión.

2º. A indemnización e os salarios de tramitación que deberá aboar a empresa demandada, segundo o disposto no número anterior, son os seguintes:

– En concepto de indemnización, e de optar a empresa por ela: a cantidade de 41.713,07 euros.

– En concepto de salarios de trámite, para o caso de opción pola readmisión, os deixados de percibir desde a data do despedimento e ata a notificación desta sentenza, calculados a razón de 62,75 euros/día.

3º. No caso de que o empresario opte pola readmisión, o traballador deberá reintegrar a indemnización recibida unha vez que sexa firme a sentenza. Para o caso de que se opte pola extinción da relación laboral, deberase compensar a indemnización recibida polo traballador coa que se fixou nesta sentenza.

4º. A administración concursal da demandada así como o Fogasa deberán observar o disposto nesta resolución.

Inscríbase esta resolución no libro de sentenzas e déixese testemuño dela neste procedemento.

Notifíquese esta sentenza ás partes e advírtase de que contra ela se poderá interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar neste xulgado no prazo dos cinco (5) días seguintes ao da notificación desta resolución, por comparecencia ou mediante escrito, pasados os cales se declarará firme e se arquivará.

Advírtase igualmente o recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio da xustiza gratuíta, que deberá depositar a taxa establecida na Lei 10/2012, do 20 de novembro.

Así o pronuncio, mando e asino. Javier López Cotelo, xuíz de reforzo.

Publicación. A anterior sentenza leuna e publicouna o xuíz que a subscribe no día da súa data, do que eu, a secretaria xudicial, dou fe».

E para que conste e sirva de notificación a Construcciones Hermanos Pereira Tajes, S.L., en ignorado paradoiro, expídese esta cédula para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e colocación no taboleiro de anuncios.

A Coruña, 21 de outubro de 2013

A secretaria xudicial