Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 12 de novembro de 2013 Páx. 43968

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 4 de novembro de 2013 pola que se convocan as actividades que forman parte do Plan de formación permanente para o persoal das escolas infantís 0-3 de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, inclúe, no seu artigo 3.e), como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, e no artigo 3.i) garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia establece no seu artigo 1 como obxecto o recoñecemento da familia como estrutura básica da sociedade e ámbito natural de desenvolvemento da persoa, e regula a obriga que os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia teñen de apoiar e protexer as familias e os seus membros e, en especial, os nenos e as nenas e os/as adolescentes.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o exercicio das políticas de apoio á familia e á infancia.

Neste marco legal a Consellería de Traballo e Benestar xestiona a rede de escolas infantís 0-3 da Xunta de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 102 que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións e dos propios centros.

Neste contexto convócase o Plan de formación 2013 para o persoal da rede de escolas infantís 0-3, que ten por obxecto dar resposta ás necesidades de formación de todo o persoal dos centros e propiciar a actualización dos coñecementos científicos e didácticos dos equipos educativos.

Para a elaboración desta nova proposta de formación, tivéronse en conta as valoracións e demandas dos/as profesionais que participaron no plan de formación de 2012. Con base nestes resultados elabórase a nova proposta que recolle dúas modalidades de formación, os cursos de actualización científica e didáctica e a formación en centros.

En virtude do exposto

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar as actividades formativas que integran o Plan de formación permanente para o persoal da Rede de escolas infantís 0-3 de Galicia –integrada polas escolas infantís xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar e as xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar– correspondente ao ano 2013, tanto da modalidade de cursos de actualización científica e didáctica como de formación en centros.

Artigo 2. Modalidades de formación

As modalidades de formación que ofrece este plan son as seguintes:

1. Cursos e xornadas de actualización científica e didáctica.

Nesta modalidade inclúense todas as actividades formativas recollidas no anexo I desta orde.

As datas de cada curso, así como o lugar e as datas de realización, publicaranse coa antelación suficiente na páxina web: www.escolasinfantis.net

2. Formación en centros.

Esta modalidade formativa está dirixida aos equipos educativos das escolas infantís 0-3 que desexen iniciar unha dinámica de traballo conxunto, afondar nalgún aspecto considerado nuclear para o deseño e desenvolvemento da planificación didáctica ou buscar fórmulas de sensibilización dos/as integrantes do equipo con determinadas metodoloxías de traballo.

Artigo 3. Cursos e xornadas de actualización científica e didáctica

1. Requisitos dos/as participantes.

Poderán solicitar a súa participación nos cursos e xornadas de actualización científica e didáctica, os/as profesionais que, reunindo os requisitos establecidos para cada unha das actividades formativas relacionados no anexo I, presten os seus servizos nas escolas infantís 0-3 de xestión directa e estean en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de fillo/a ou de familiar.

Poderán solicitar, así mesmo, a súa participación aquelas persoas que no momento da convocatoria estean gozando dos permisos por maternidade/paternidade ou por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple.

Toda persoa solicitante que no momento do inicio da actividade formativa correspondente estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da relación de admitidos/as.

2. Solicitudes. Prazo e documentación.

a) As persoas que cumprindo os requisitos establecidos no anexo I desexen participar en calquera das actividades formativas, presentarán a súa solicitude de acordo co modelo establecido no anexo II, que poderán descargar na sección de formación da páxina web da Rede de escolas infantís 0-3 de Galicia (www.escolasinfantis.net).

Xunto co anuncio das actividades formativas no portal educativo concretarase o lugar e as datas de realización de cada unha delas.

b) Con carácter xeral, o prazo de inscrición para cada unha das actividades formativas abrirase cunha antelación de 22 días hábiles á data de inicio da acción formativa correspondente. Desde a apertura do prazo de inscrición, a persoa interesada disporá de 3 días hábiles para formalizar a súa solicitude.

Non obstante, co fin de desenvolver todas as actividades formativas previstas no Plan de formación 2013, a apertura do prazo de inscrición en cada procedemento de admisión poderá variar dunha actividade a outra, establecéndose unha antelación mínima de sete días hábiles antes da data de inicio da acción formativa correspondente.

A inscrición poderá realizarse por calquera das seguintes vías:

Fax: 981 56 87 13.

Vía telemática: www.escolasinfantis.net

3. Cursos e xornadas de convocatoria directa.

O órgano convocador poderá designar directamente como destinatarios/as dalgunha das actividades que integran este plan de formación a determinados/as profesionais que carezan da formación considerada prioritaria para o desenvolvemento do seu traballo diario.

O mesmo que os/as solicitantes seleccionados/as, as persoas designadas directamente para algún dos cursos, consumirán a súa opción preferente.

4. Criterios de selección.

a) Os criterios de selección aplicables no acceso ás actividades formativas, serán os seguintes:

1º. Pertenza á categoría profesional á cal se dirixe a convocatoria do curso.

2º. Non ter realizado o mesmo curso en edicións anteriores.

As persoas que soliciten a súa participación nunha actividade formativa na cal xa participaron en convocatorias anteriores, quedarán automaticamente excluídas de tal actividade.

3º. Orde de presentación das solicitudes por calquera das vías establecidas no artigo 3.2.b) desta norma.

4º. En cada curso ou xornada reservarase unha praza para solicitantes que presenten o certificado de recoñecemento do grao de discapacidade.

b) Cando o número de solicitantes sexa superior ao número de prazas ofertadas elaborarase unha listaxe de espera. De quedaren prazas vacantes para calquera das actividades, procederase ao chamamento telefónico das persoas que figuren na dita lista.

Para a elaboración das listas tanto de admitidos/as como de espera teranse en conta os seguintes criterios:

Todas as persoas solicitantes terán preferencia para participar nunha (1) acción formativa; a prioridade establecerase de acordo coa orde de presentación da solicitude.

Unha vez consumida a opción preferente aplicarase o criterio do número de actividades realizadas do presente plan de formación. Neste sentido a orde da listaxe establecerase dando prioridade a aquelas persoas que teñan menos actividades formativas realizadas. No caso de que dúas persoas teñan o mesmo número de cursos ou xornadas realizados, a listaxe establecerase en relación coa orde de presentación das solicitudes.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos/as aspirantes dará lugar á súa exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso do plan de formación do presente ano.

d) As persoas solicitantes ou designadas para participar nunha actividade formativa deberán estar de alta laboral no momento do inicio do curso. A situación de baixa laboral por incapacidade temporal implicará a exclusión destas persoas da relación de admitidos/as e de non comunicar a dita circunstancia, aínda tendo cumprido cos requisitos de asistencia á actividade, non se procederá á súa certificación.

5. Publicación das listas de admitidos/as.

As listas de admitidos/as para cada actividade formativa serán publicadas na páxina web: www.escolasinfantis.net o segundo día hábil contado a partir do día seguinte ao remate do prazo de inscrición de cada unha delas.

As persoas seleccionadas recibirán unha notificación automática da súa admisión.

6. Requisitos de asistencia.

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos ou xornadas. Para a obtención da correspondente certificación da actividade, a ausencia por causas xustificadas non poderá exceder o 25 % das horas presenciais de cada unha. Esta ausencia xustificada deberá ser acreditada documentalmente, enviando o dito documento á seguinte conta de correo: formacion.ei@igualdadebenestar.org nun prazo máximo de 10 días naturais despois de que a actividade finalice. A ausencia, aínda xustificada, superior o 25 % das horas presenciais determinará a perda do dereito á obtención da correspondente certificación.

A falta de acreditación documental da causa ou causas alegadas poderá determinar non só a perda do dereito á obtención da certificación, senón que poderá ser causa de exclusión das convocatorias dos restantes cursos do Plan de formación permanente 2013.

b) Durante a celebración das actividades formativas levarase un control permanente de asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencias as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que a persoa participante terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial da actividade, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

c) A parte non presencial das actividades formativas será acreditada mediante o traballo práctico fixado polo relator/a de cada unha e seralle remitido, por parte do/a alumno/a, no prazo establecido por este/a. A non remisión do dito traballo seguindo os requisitos mínimos de calidade e os prazos fixados no deseño de cada actividade, implicará a perda do dereito á certificación da actividade formativa correspondente.

7. Avaliación e certificados.

A avaliación dos coñecementos adquiridos polo alumnado realizarase seguindo os criterios establecidos no deseño de cada unha das actividades.

O certificado acreditativo da actividade formativa expedirase unicamente a aquelas persoas que cumpran os requisitos da actividade correspondente.

8. Anulación da reserva.

Cando unha persoa seleccionada non poida asistir á actividade para a que está admitida, deberá comunicar a súa renuncia por calquera das vías sinaladas no 3.2.b) desta norma, no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das listas de admitidos/as.

De non facelo así, agás causa xustificada, non poderá ser admitida a ningunha das actividades formativas integradas neste plan de formación.

A cobertura das prazas vacantes por baixas realizarase segundo a orde da listaxe de espera.

9. Suspensión ou modificación das actividades formativas.

No suposto de que o número de solicitantes a unha actividade formativa sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a Administración reserva para si o dereito a suspender, modificar as datas ou agrupar varias edicións da mesma actividade. Neste suposto, a comunicación ás/aos interesadas/os farase a través da páxina web: www.escolasinfantis.net

Así mesmo, o órgano convocador poderá acordar a suspensión ou substitución dalgunha das actividades formativas recollidas no anexo I, cando por causas alleas a este concorran circunstancias que fagan inviable a súa realización.

Artigo 4. Formación en centros

1. Requisitos dos equipos participantes.

Poderán solicitar a súa participación nesta modalidade, os equipos educativos das escolas infantís de xestión directa da rede de escolas infantís 0-3.

2. Características da formación en centros.

A formación en centros ten por obxecto:

– Mellorar a práctica profesional colaborando en equipo, analizando contidos e propoñendo iniciativas para planificar a formación necesaria.

– Afondar no estudo de determinados temas educativos que van xurdindo a partir das achegas das persoas participantes.

– Promover o intercambio de experiencias e o debate interno dos/as participantes.

O desenvolvemento dos proxectos de formación en centros, estrutúrase en dúas fases:

– A primeira, de documentación e desenvolvemento do proxecto a partir dos obxectivos propostos, á cal se dedicará o 80 % das horas totais do proxecto aprobado, mediante a constitución dun grupo de traballo.

Esta fase poderá ser apoiada por unha asesoría externa ou ben por unha actividade de carácter docente.

– A segunda, de reflexión conxunta e elaboración da memoria de avaliación do proxecto por parte de todos/as os/as participantes, á cal se dedicará o 20 % das horas totais do proxecto.

3. Compoñentes.

O grupo de traballo estará constituído por un mínimo de 3 persoas e un máximo de 20 pertencentes ao mesmo ou a distintos centros educativos e neste cómputo incluirase a persoa responsable da coordinación do grupo.

O coordinador ou coordinadora será a persoa responsable da presentación do proxecto e da xustificación deste, da organización do traballo do grupo, da convocatoria e coordinación das xuntanzas e da presentación da memoria unha vez finalizado o proxecto.

A sede do grupo de traballo será a escola infantil á cal pertenza a persoa responsable da coordinación do proxecto.

4. Duración.

O número total de horas dos proxectos de formación en centros será de 10, 20, 30, 40 ou 50 horas.

5. Solicitudes. Prazo e documentación.

Para participar nesta modalidade de formación será preciso presentar unha solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa responsable da coordinación da actividade formativa, de acordo co modelo establecido no anexo III desta orde, dirixida á Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros integrada por dous membros do Equipo de Atención Educativa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e por un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Familia e Inclusión do ámbito de educación infantil.

A solicitude irá acompañada dun breve plan de traballo que de acordo coas epígrafes do anexo III inclúa a xustificación, os obxectivos de formación e de repercusión na práctica educativa, o programa de contidos e actividades, a metodoloxía de traballo que se pretende seguir, a organización dos recursos humanos e materiais, o establecemento de criterios e procesos para a avaliación dos diferentes aspectos do proxecto e a temporalización da actividade.

As solicitudes presentaranse cunha antelación mínima dun mes á data prevista para o inicio da actividade formativa. Unha vez presentada a solicitude, a Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros deberá resolver nun prazo máximo de 15 días naturais a partir do día seguinte á data en que se presentou a solicitude.

O proxecto deberá contar co informe favorable da comisión.

A presentación das solicitudes será telemática descargando a solicitude da páxina web de formación en centros do Plan de formación 2013 e enviándoa ao correo electrónico formacion.ei@igualdadebenestar.org

Unha vez finalizada a actividade formativa, a persoa responsable da coordinación presentará ante a comisión, a través do correo electrónico formacion.ei@igualdadebenestar.org a memoria final, seguindo as epígrafes establecidas no modelo do anexo IV desta orde, e deberá presentar ademais os documentos acreditativos necesarios para a valoración da actividade formativa por parte da Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros. O prazo máximo de presentación da memoria será de tres meses contados a partir do día seguinte á data de finalización da actividade formativa.

6. Asistencia ás actividades de formación en centros. Criterios de exclusión.

1) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións da actividade formativa. Para a obtención da correspondente certificación, a ausencia por causas xustificadas non poderá exceder o 15 % das horas totais da acción formativa. Esta ausencia xustificada deberá ser acreditada documentalmente ante o/a coordinador/a do curso nun prazo máximo de 10 días naturais logo do remate da actividade formativa.

A falta de acreditación documental da causa ou causas alegadas, poderá determinar non só a perda do dereito á obtención da certificación, senón que poderá ser causa de exclusión das convocatorias das restantes accións formativas do Plan de formación permanente 2013.

A persoa responsable da coordinación do proxecto levará un control de asistencia das persoas participantes do equipo.

2) A falta de asistencia, aínda xustificada documentalmente, dun número de horas superior ás establecidas no punto anterior, determinará, así mesmo, a perda do dereito á certificación da actividade.

7. Avaliación e certificados da formación en centros.

A Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros realizará a avaliación final das actividades de formación en centros tendo en conta a memoria final e a documentación presentada, no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte á data de remate do prazo de entrega das devanditas memorias.

A acta de avaliación reflectirá o número de horas recoñecidas a cada grupo de traballo para os efectos de certificación atendendo ás actas de reunións de traballo, aos materiais entregados e á coherencia e calidade da memoria presentada.

Ás persoas participantes no grupo de traballo expediráselles a certificación acreditativa da coordinación ou participación, unha vez presentada e avaliada positivamente a memoria final.

A certificación das horas non poderá superar, en ningún caso, o límite do cómputo global de horas polo que foi aprobado o proxecto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
Cursos e xornadas de actualización científica e didáctica

Curso/xornada

Edicións

Horas

Prazas/actividade

Destinatarios/as

A música e a psicomotricidade na escola infantil 0-3

1

16

450

Persoal da rede de escolas infantís

O xogo e o cotián na escola infantil 0-3

1

16

900

Persoal da rede de escolas infantís

Experiencias de referencia no ámbito educativo de 0-3

1

16

450

Persoal da rede de escolas infantís

Ferramentas para a xestión administrativa: follas de cálculo

4

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Manipulación de alimentos

4

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Primeiros auxilios pediátricos

3

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Agrupamentos heteroxéneos na escola infantil 0-3

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Período de adaptación na escola infantil 0-3

4

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Espazos e ambientes na escola infantil 0-3

3

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

As familias e a comunidade na vida diaria da escola infantil 0-3

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file