Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 12 de novembro de 2013 Páx. 43960

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 165/2013, do 31 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun resto da estrada LU-540 (antiga estrada C-640), que vai desde o punto quilométrico 10+310 ata o entroncamento coa LU-P-3809, así como o terreo comprendido dentro deste treito, a prol do Concello de Ourol.

Segundo o artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 54, en consonancia co artigo único do Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas nos cales a circulación adquira características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo ou convenio entre as administracións implicadas.

O Concello de Ourol, con data do 7.5.2013, solicitou o cambio de titularidade do tramo da antiga C-640, con orixe no p.q. 10+310 (referido á estrada LU-540) e fin no p.q. 11+850 (referido á estrada LU-540), que actualmente é de titularidade autonómica.

Ao abeiro das previsións legais, a Área de Planificación e Programación, dependente da Axencia Galega de Infraestruturas, emite informe favorable do cambio de titularidade dun resto da estrada LU-540 (antiga estrada C-640), que vai desde o p.q. 10+310 ata o entrocamento coa LU-P-3809 (estrada pertencente á Deputación Provincial de Lugo) pola súa marxe esquerda, máis o terreo solicitado que está comprendido dentro deste treito para unha zona de aparcamento no contorno do p.q. 11+190 da estrada LU-540, a prol do Concello de Ourol.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de outubro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Ourol dun resto da estrada LU-540 (antiga estrada C-640), que vai desde o p.q. 10+310 ata o entrocamento coa LU-P-3809 (estrada pertencente á Deputación Provincial de Lugo) pola súa marxe esquerda, máis o terreo solicitado que está comprendido dentro deste treito para unha zona de aparcamento no contorno do p.q. 11+190 da estrada LU-540.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Ourol deberá incorporar ao seu Plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Ourol, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2013

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas