Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 4 de novembro de 2013 Páx. 42913

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 22 de outubro de 2013 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do réxime de usos de polígono industrial do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense).

O Concello de San Cibrao das Viñas remite o expediente de referencia solicitando a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de San Cibrao das Viñas e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. En data 5 de agosto pasado, esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu orde de non aprobación da modificación puntual aprobada provisionalmente polo Concello Pleno en sesión de 10 de abril de 2013.

I.2. Consta informe favorable en materia de telecomunicacións, do 2 de setembro de 2013, da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

I.3. O Pleno do Concello, en sesión ordinaria que tivo lugar o 26 de setembro de 2013, aprobou provisionalmente o documento refundido da modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación da modificación puntual coincide co Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, integrado por tres sectores: sector A, de 1.472.700 m2, clasificado como solo urbano industrial; sector B, de 490.417 m2, desenvolvido mediante un plan parcial aprobado definitivamente o 28 de febreiro de 1991, modificado posteriormente; e sector C, de 370.420 m2, desenvolvido mediante un plan parcial aprobado definitivamente o 10 de xullo de 1992, tamén modificado.

II.2. O obxecto da modificación puntual é adecuar o réxime dos usos do solo e da edificación á realidade urbanística actual, admitindo novos usos, sobre todo terciarios e de loxística de transporte, non admitidos actualmente no ámbito do polígono industrial.

II.3. Corrixíronse as epígrafes da memoria en que se sinalaba que as prazas de aparcadoiro situadas na planta baixa non computaban edificabilidade, o que contradicía o establecido no artigo 46.6.a) da LOUG.

II.4. Corrixiuse o punto 5.1.1.3.c).1, indicándose que a relación entre a superficie neta e a superficie bruta é de 0,8.

II.5. En canto ao procedemento, completouse a tramitación co informe favorable da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións, do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual do réxime de usos do polígono industrial do PXOM de San Cibrao das Viñas (Ourense), ao abeiro do establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4º. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas