Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 30 de outubro de 2013 Páx. 42508

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de outubro de 2013 pola que se modifica a Orde do 12 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para os anos 2013-2014.

O 31 de xullo de 2013 (DOG número 145) publicouse a Orde do 12 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para os anos 2013/2014.

No artigo 10.1 da devandita orde establecíase que os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificalas nos seguintes prazos: a anualidade de 2013, antes do 30 de novembro de 2013 e a anualidade de 2014 antes do 30 de setembro, en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo elevado volume de solicitudes recibidas e os atrasos experimentados na tramitación das emendas, co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario introducir modificacións no artigo 10.1 da Orde do 12 de xullo.

Visto o anterior;

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 12 de xullo de 2013

Modifícase o artigo 10.1 da Orde do 12 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para os anos 2013/2014 que quedaría como segue:

«Artigo 10. Prazo e xustificación das axudas

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar a realización dos proxectos subvencionados e a xustificalas nos seguintes prazos: a anualidade de 2013, antes do 15 de decembro de 2013 e a anualidade de 2014 antes do 31 de outubro de 2014; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria