Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 29 de outubro de 2013 Páx. 42418

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2013 pola que se crea un ficheiro de datos de carácter persoal.

O artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), establece que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente.

Por razón, e co fin de que se cumpra o mandato legal do artigo 20 da LOPD sobre a creación e a modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola universidade, de asegurarlles aos administrados o exercicio dos seus lexítimos dereitos, e por canto sucede, unha vez transcorrido o prazo de alegacións, e logo de cumprir os trámites establecidos na Lei 8/2001, do 13 de xullo, e o Decreto 99/2002, do 1 de xullo, esta reitoría

RESOLVE:

Primeiro. Créase o ficheiro de datos de carácter persoal sinalado no anexo.

Segundo. O ficheiro indicado no anexo rexerase polas disposicións xerais e instrucións que se detallan, e estará sometido, en todo caso, ás normas legais e aos regulamentos de superior rango que lles sexan aplicables.

Terceiro. Ademais das cesións previstas para ese ficheiro, estas pódense realizar sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de remitirlles datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da comunidade autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades, e cos límites establecidos na lei.

Cuarto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de outubro de 2013

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO
Ficheiro de nova creación

Ficheiro de directores e membros de tribunal de teses:

a) Identificación do ficheiro:

a.1) Denominación do ficheiro: directores e membros de tribunal de teses.

a.2) Finalidade: xestión de teses de doutoramento.

a.3) Usos previstos: asignación de directores aos alumnos matriculados en programas de doutoramento e selección de membros do tribunal para a lectura das teses que conducen ao título de doutor ou doutora.

b) Orixe dos datos:

b.1) Colectivo de persoas sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigados a subministralos: doutores españois ou estranxeiros.

b.2) Procedencia: o propio interesado ou seu representante legal e as comisións académicas de programas de doutoramento.

c) Estrutura do ficheiro:

c.1) Datos identificativos: documento de identidade, apelidos e nome, data e lugar de nacemento, nacionalidade, enderezo para os efectos de notificación, teléfono e correo electrónico, datos académicos do seu título de doutor ou doutora.

c.2) Outros tipos de datos: acreditativos da súa experiencia investigadora.

c.3) Sistema de tratamento: mixto.

d) Comunicacións de datos previstas: ás universidades de Santiago de Compostela e da Coruña e a outras universidades coas que existan convenios para a realización de programas de doutoramento interuniversitarios.

e) Transferencias internacionais de datos previstas: non se prevén.

f) Órganos responsables do ficheiro: Xerencia da Universidade de Vigo. Campus Universitario, 36310 Vigo (Pontevedra).

g) Órgano ante o que se poden exercer os dereitos ARCO: Secretaría Xeral.

h) Nivel de seguridade: básico.