Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 29 de outubro de 2013 Páx. 42408

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 23 de outubro de 2013 pola que se modifica a Orde do 11 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

O día 22 de xullo de 2013, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicou a Orde do 11 de xullo de 2013 (DOG núm. 138, do 22 de xullo) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

O artigo 18 desta Orde do 11 de xullo de 2013 regula o prazo para xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da subvención, coa data límite do 31 de outubro nas anualidades 2013 e 2014 e do 30 de xuño na anualidade 2015, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor de acordo co artigo 45.3 do Regulamento 9/2011, logo da petición do beneficiario.

Polo número de solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 11 de xullo de 2013 e a complexidade da análise das referidas solicitudes, o proceso administrativo de resolución das axudas concedidas ao abeiro da dita orde alongouse no tempo de tal xeito que a data de resolución podería ser posterior á data de xustificación inicialmente prevista para a primeira anualidade, isto é o 31 de outubro de 2013. Por esta circunstancia, é necesario modificar a referida data de xustificación prevista na Orde do 11 de xullo de 2013 para a primeira anualidade das axudas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 11 de xullo de 2013 (DOG núm. 138, do 22 de xullo) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

O primeiro parágrafo do número 1 do artigo 18 queda redactado do seguinte xeito:

«A entidade solicitante deberá xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da subvención, coa data límite do 15 de novembro na anualidade 2013, do 31 de outubro na anualidade 2014 e do 30 de xuño na anualidade 2015, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor de acordo co artigo 45.3 do Regulamento 9/2011, logo da petición do beneficiario. As solicitudes de pagamento (anexo IV, modelo A) presentaranse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, xunto cos seguintes documentos:…».

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar