Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 24 de outubro de 2013 Páx. 41933

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 8 de outubro de 2013 sobre a aprobación definitiva do documento de corrección de erros materiais ao Plan xeral de ordenación municipal de Láncara.

Con data do 17 de xullo de 2013, o Concello de Láncara remite exemplar do documento de corrección de erros materiais ao documento para a aprobación definitiva do PXOM de Láncara, entregado o 15 de febreiro de 2013, no tocante ao límite do termo municipal.

O Concello Pleno de Láncara, en sesión do 6 de xuño de 2013, acordou proceder á corrección dun erro na cartografía do PXOM que afecta o límite co concello do Corgo.

Visto o informe do equipo redactor do PXOM que explica que este erro se produce pola utilización da cartografía catastral no lugar da cartografía oficial da Xunta de Galicia, procédese á corrección dos límites na documentación do PXOM.

Examinado o documento de corrección de erros, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose comprobar que o límite sinalado entre os concellos de Láncara e O Corgo se axusta ao recollido na cartografía oficial da Xunta de Galicia.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao documento de corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Láncara, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2. Notifíqueselles esta orde aos concellos de Láncara e do Corgo, e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas