Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 23 de outubro de 2013 Páx. 41781

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 159/2013, do 10 de outubro, polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014).

O Camiño de Santiago foi ao longo da historia un fenómeno dotado dunha gran forza espiritual, cultural e social que forxou a identidade de Europa mediante os innumerables peregrinos que percorreron, e percorren, os seus múltiples itinerarios. Un dos peregrinos máis significativos que acudiron a Compostela foi San Francisco de Asís no ano 1214, segundo recollen diversos documentos e tradicións daquela época.

O alcance global do Camiño de Santiago e a popularidade universal do santo de Asís animan a organizar, entre mediados de 2013 e mediados de 2015, un evento de alcance internacional, en que estarán unidas as sensibilidades xacobea e franciscana. Un programa que impulse a dinamización turística e cultural de Galicia e estimule a participación do sector privado en proxectos relacionados coa dita conmemoración e reforce as relacións de Asís e Santiago de Compostela, dúas cidades que forman parte do patrimonio mundial da UNESCO, unidas por unha ruta de peregrinación -camiño de Santiago e vía Francigena, ambos os dous itinerarios culturais de Europa-.

Así, a disposición quincuaxésimo novena da Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2013, recoñécelles aos actos relacionados coa celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014) a consideración de acontecemento de excepcional interese público para os efectos do disposto no artigo 27 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado. A duración do programa de apoio a este acontecemento abranguerá desde o 1 de xullo de 2013 ao 30 de xuño de 2015, e os beneficios fiscais do programa serán os máximos establecidos no citado artigo 27.3.

A programación que se desenvolverá incluirá todo tipo de acontecementos e actividades culturais, sociais, artísticos, musicais e deportivos, actuacións de investigación, publicacións, proxectos didácticos, así como as iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante e peregrinos no marco da celebración dun evento que constitúe, pois, a mellor oportunidade para promocionar a nosa comunidade, reforzando a dimensión internacional do Camiño de Santiago.

A imaxe corporativa do evento é o cúmulo e reflexo de todas as actuacións que se van desenvolver durante a celebración do Vlll Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014). Así mesmo, é o primeiro contacto que os cidadáns, institucións e entidades teñen con este evento a través da súa comunicación visual.

Para o seu desenvolvemento e promoción é imprescindible a correcta aplicación e o respecto á normativa existente para o uso da imaxe corporativa.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, di no seu artigo 2.h) que lle corresponde á Axencia Turismo de Galicia a promoción da imaxe marca-país de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de outubro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Utilización da imaxe corporativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014) pola Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia

Os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais, consorcios autonómicos, fundacións do sector público autonómico e sociedades mercantís públicas autonómicas, sen prexuízo da observancia do vixente código de identificación corporativa da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 409/2009, do 5 de novembro, e da marca turística de Galicia, aprobada polo Decreto 121/2011, do 16 de xuño, utilizarán como elementos adicionais os símbolos do VIII Centenario, reflectidos no correspondente manual básico, que figura como anexo deste decreto, en todas as súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas ata o 30 de xuño de 2015.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, nas súas relacións de colaboración con outras administracións, deberá exixir, sempre que o seu obxecto o permita, que se faga constar a imaxe corporativa do VIII Centenario.

Artigo 2. Utilización da imaxe corporativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014) por outras persoas e entidades

A utilización da imaxe corporativa do VIII Centenario por persoas físicas ou xurídicas, entidades e institucións non integrantes da Administración xeral e do sector público autonómico da comunidade autónoma requirirá solicitude dirixida á Axencia Turismo de Galicia, que é a competente para outorgar as correspondentes licenzas e autorizacións.

As licenzas e autorizacións outorgaranse con suxeición á normativa vixente en materia de propiedade intelectual e industrial e condicionadas en todo caso ao respecto das normas de uso contidas no manual de utilización da marca.

Artigo 3. Fomento do uso da imaxe corporativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014)

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará o emprego polas entidades locais galegas da imaxe corporativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014), e ínstaas a solicitar a oportuna autorización para o seu uso en todas as súas actuacións, especialmente nas de comunicación pública e promoción.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

1. Seguirán utilizándose, ata que se esgoten, as existencias de material impreso anteriores á súa entrada en vigor.

2. Con independencia do establecido no número anterior, a imaxe corporativa institucional aplicarase, sempre que proceda, á adquisición, reposición ou reedición de todo elemento que deba exhibila.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para ditar cantas resolucións sexan precisas para a execución do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file