Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 22 de outubro de 2013 Páx. 41694

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2013 pola que se dá publicidade aos acordos de modificación dos estatutos da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa.

O artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, sinala que nos supostos de modificación dunha mancomunidade a iniciativa corresponderá ao pleno da mancomunidade, de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen. Este acordo someterase a información pública polo prazo dun mes e a informe da deputación ou deputacións provinciais respectivas e da consellería competente en materia de réxime local. Rematado o prazo de exposición pública e recibidos os informes, someterase o acordo de modificación aos plenos dos entes mancomunados e resolveranse, ademais, as alegacións presentadas ao respecto. O dito acordo requirirá o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros de cada unha das corporacións das entidades que integran a mancomunidade.

Aprobado o acordo de modificación, pola maioría das entidades mancomunadas, o presidente da mancomunidade remitirá copia certificada dos acordos á consellería competente en materia de réxime local, para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e comunicarallos á Administración central do Estado para os efectos establecidos pola lexislación básica de réxime local.

Con data do 2 de outubro de 2013 recibiuse escrito do presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa en que se achega certificación dos acordos plenarios dos concellos de Burela, Riotorto, Barreiros, Mondoñedo, Alfoz, Foz, O Valadouro, Cervo, Lourenzá, O Vicedo, Ourol, Xove, A Pontenova, Ribadeo e Trabada polos que se aproba a modificación dos estatutos da devandita mancomunidade, que soamente afecta o artigo 1.

Nese mesmo escrito achéganse as certificacións dos acordos plenarios dos concellos de Viveiro e Abadín, en que acordan a súa separación unilateral da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa.

Xa que logo, o director xeral de Administración Local,

acorda:

Dispoñer a publicación da modificación do artigo 1 dos estatutos da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa.

«Artigo 1. Composición e denominación

Coa denominación de Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa e integrada polos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo e Xove constitúese a dita entidade local, ao abeiro do establecido nos artigos 135 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e na lexislación básica estatal, con personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos fins específicos establecidos nestes estatutos».

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2013

José Norberto Uzal Tresandí
Director xeral de Administración Local