Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 15 de outubro de 2013 Páx. 40843

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de agosto de 2013 de cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao sistema de xestión e auditoría ambiental (EMAS) da entidade mercantil Simco, S.L.

Antecedentes de feito.

1. Con data do 11 de decembro de 2007, procédese á inscrición do centro da entidade Simco, S.L. con CIF: B36690485 sito na rúa Rans, 17, Praia América, 36369 Nigrán (Pontevedra) no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao sistema de xestión e auditoría ambiental co número ES-GA-000128.

2. Na declaración ambiental presentada para o rexistro facíase constar que esta tiña validez dun ano desde o día da súa validación. Rematado o prazo para a presentación da seguinte declaración ambiental validada non se recibiu, por parte de Simco, S.L., ningún tipo de comunicación.

3. Con data do 4 de febreiro de 2011 enviouse unha comunicación á empresa na que se informaba de que, de non recibir ningún tipo de documentación ou comunicación relativa ao mantemento no rexistro procederíase a dalos de baixa.

4. Tras varios intentos infrutuosos de comunicación coa empresa, acórdase dar un trámite de audiencia á entidade mercantil Simco, S.L., con CIF: B36690485 e domicilio social na rúa Igrexa, 81, Valladares, Vigo (Pontevedra), concedéndolle un prazo de quince días contados desde a notificación do citado escrito para formular alegacións e achegar os documentos e xustificacións que consideren convenientes, ao abeiro do disposto no artigo 14.5 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño.

5. Con data do 22 de xullo de 2013 é notificado, a través do Diario Oficial de Galicia, o citado acordo á interesada, coa mención expresa dos requisitos exixidos polo artigo 58.2º da Lei 30/1992, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Fundamentos xurídicos.

1º. Esta resolución, correspóndelle ao secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, segundo os artigos 12 a 14 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental e segundo o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2º. O artigo 14.1º do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS) dispón que: «1. Unha vez inscrito o centro no rexistro, se este non presentase a seguinte declaración ambiental validada no prazo fixado pola propia empresa na súa solicitude, que en ningún caso será superior a tres anos, e non pagase a taxa de rexistro, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cancelará a inscrición do centro no rexistro e informará de tal medida a dirección do centro».

3º. O punto 5 do citado precepto establece que: «5. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, antes de ordenar a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro, dará trámite de audiencia ao interesado, concedéndolle un prazo de quince días para que presente as alegacións, documentos e xustificacións que estime oportunos. A resolución que acorde a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro será motivada e notificarase á dirección do centro e ao Rexistro de establecementos industriais».

Dado que non se obtivo resposta por parte do interesado a todos e cada un dos requirimentos realizados, e vistos os preceptos sinalados e demais de xeral e pertinente aplicación, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en virtude da competencia que lle outorga o Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental e segundo o Decreto 44/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

RESOLVE:

Cancelar, de conformidade co disposto no artigo 14.1 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para la aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS), a inscrición do centro da entidade mercantil Simco, S.L. na rúa Rans, 17, Praia América, 36369 Nigrán (Pontevedra).

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental