Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 11 de outubro de 2013 Páx. 40439

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 7 de outubro de 2013 pola que se modifica a Orde do 26 de xuño de 2013 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías durante o ano 2013, e se procede á súa convocatoria.

O 3 de xullo de 2013 publicouse, no Diario Oficial de Galicia nº 125, a Orde do 26 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías durante o ano 2013, e se procede á súa convocatoria.

O prazo establecido para a realización das actividades obxecto de subvención, é dicir, o período de actividade subvencionable, esténdese desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2013 (artigo 4 da orde de convocatoria) e o prazo para xustificar as actividades realizadas remata o 20 de outubro de 2013 (artigo 14 da citada orde).

Os tempos necesarios no procedemento de tramitación de solicitudes, incluíndo numerosos requirimentos de documentación complementaria á inicialmente presentada, engadido á tardía publicación da convocatoria, que debido ás datas de aprobación da lei de orzamentos se realizou máis tarde que noutras ocasións, fan prever que a resolución da convocatoria vai sufrir tamén o correspondente atraso, polo que o prazo de xustificación establecido na orde resultará de difícil cumprimento para as entidades locais destinatarias das axudas.

Por isto, co fin de garantir a maior eficacia posible da convocatoria das referidas subvencións, é procedente ampliar o devandito prazo por un período que permita acadar os obxectivos previstos, non afectando esta modificación o período de actividade subvencionable nin o prazo para presentación de solicitudes.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase ata o 15 de novembro de 2013 o prazo que, para a presentación da documentación xustificativa da execución do proxecto subvencionado, se prevé no artigo 14 da Orde do 26 de xuño de 2013 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías durante o ano 2013 e se procede á súa convocatoria.

Artigo 2

A ampliación establecida no artigo anterior non afectará o período de actividade subvencionable establecido no artigo 4 da orde de convocatoria, que seguirá tendo o seu termo a día 15 de outubro, nin afectará os prazos previstos na devandita orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar