Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 9 de outubro de 2013 Páx. 40224

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Ecosistema dunar de praia América-Panxón, pertencente ao concello de Nigrán (Pontevedra).

A Lei do Parlamento galego 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define como espazos naturais protexidos aqueles espazos que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece o ENIL como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que por petición do Concello e logo dos informes perceptivos pertinentes, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non implica a súa inclusión na Rede galega de espazos naturais protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, prazo dentro do cal deberán os promotores presentar, como requisito imprescindible para a declaración do ENIL, o plan de conservación deste espazo.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Nigrán perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas propoñendo a declaración do lugar denominado Ecosistema dunar de praia América-Panxón como espazo natural de interese local, esta dirección xeral considera necesario establecer un período de información pública na tramitación desta solicitude con obxecto de cumprir o disposto no artigo 3.5 da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Someter a información pública e audiencia aos interesados:

– O expediente de tramitación da proposta da declaración do espazo natural de interese local Ecosistema dunar de praia América-Panxón, pertencente ao concello de Nigrán (Pontevedra), que se compón dos seguintes documentos: memoria técnica, anexo con planos presentados polo Concello de Nigrán.

– O Borrador da orde pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local o Ecosistema dunar de praia América-Panxón no concello de Nigrán (Pontevedra).

Segundo. Para os efectos informativos póñense á disposición dos interesados copias do expediente nas seguintes dependencias:

– Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– No Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Pontevedra (avda. Fernández Ladreda, nº 43, 4ª planta. 36003 Pontevedra).

– O Concello de Nigrán (Praza da Constitución 1, 36350 Nigrán, Pontevedra) .

Do mesmo xeito poderase consultar o texto da memoria da proposta de declaración provisional na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/disposicions).

Terceiro. As alegacións formularanse durante o prazo de vinte (20) días, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2013

P.S. (Disposición adicional primeira do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro;
DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José Antonio Fernández Vázquez
Secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Infraestruturas