Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 8 de outubro de 2013 Páx. 40003

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 30 de setembro de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de indemnizacións, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais, convocadas pola Orde do 26 de abril de 2013.

Pola Orde do 26 de abril de 2013 (DOG nº 86, do 6 de maio de 2013) desta consellería, establecéronse as bases reguladoras e convocouse para o ano 2013 a concesión de indemnizacións, axudas de compensacións complementarias en explotacións de gando bovino, ovino e cabrún, e axudas para a compra de gando bovino, ovino e cabrún que teñan por obxecto a reposición das reses, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais.

No artigo 4 desta orde (orzamento), relativo ao financiamento destas indemnizacións e axudas, detállanse as aplicacións orzamentarias e os importes económicos previstos para elas (número 4.1), así como a posibilidade de incrementar eses importes iniciais dentro dos límites orzamentarios, conforme o establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (número 4.2).

As cifras dos sacrificios obrigatorios de gando, en execución dos programas de vixilancia, loita, control e erradicación de enfermidades dos animais, no que vai de ano 2013 son superiores ás previstas inicialmente, polo que cómpre ampliar a dotación orzamentaria asignada para levar a cabo as indemnizacións correspondentes aos titulares das explotacións, segundo a Orde do 26 de abril de 2013 da Consellería do Medio Rural e do Mar, e consonte o previsto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, e segundo o establecido no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como segundo as competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Amplíase para o ano 2013 a seguinte dotación orzamentaria e no importe que se indica, e que figura recollida na Orde do 26 de abril de 2013 desta consellería (DOG nº 86, do 6 de maio):

Importe (€)

Proxecto

Aplicación orzamentaria

100.000

2012 00748

12.22.713E.770.0

Disposición única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar