Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 7 de outubro de 2013 Páx. 39745

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de setembro de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias do Concello de Bueu no ámbito do Plan Parcial A1-S1 As Lagoas.

O Concello de Bueu remite o proxecto redactado polo arquitecto municipal Fernando Baeza Ordóñez e datado o 11.7.2011, da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no sector A1-S1 As Lagoas, en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada polo Concello de Bueu; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello do Bueu dispón, na actualidade vixente, dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente con data de 11.6.1986.

I.2. En desenvolvemento destas normas o concello aprobou definitivamente o Plan parcial do sector A1-S1 As Lagoas o 22.10.1988. Con data do 25.3.2011 recibiu os terreos e obras de urbanización deste sector.

I.3. A presente modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesións do 7.11.2011 e do 4.6.2012. Foi sometida a información pública por un período de dous meses con anuncios nos xornais Diario de Pontevedra do 5.12.2012 e Faro de Vigo do 10.12.2012; e no DOG nº 240, con data do 18.12.2012.

I.4. Constan no expediente administrativo a audiencia aos concellos limítrofes; e os informes municipais, xurídico de 13.7.2011 e de 10.10.2011, e da secretaría de 22.08.2011.

I.5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI emitiu decisión con data do 12.4.2012, sobre a non necesidade de sometemento a avaliación ambiental estratéxica da presente modificación puntual das NNSS.

I.6. Esta modificación puntual non precisou informe previo á aprobación inicial por atoparse no suposto do artigo 93.4 da LOUG, dado que se trata dunha modificación de planeamento que non implica a reclasificación de solo, nin incremento da intensidade de uso nin altera os sistemas xerais previstos no PXOM.

I.7. A modificación puntual foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de Bueu en sesión do 1.4.2013.

II. Obxecto da modificación.

Esta modificación puntual ten por obxecto unha dobre finalidade, axustar a titularidade de dúas parcelas consideradas zona verde no plan parcial, obtidas finalmente polo concello o 25.3.2011, incorporando a súa ordenación ao planeamento vixente. Unha das parcelas é unha zona verde privada cunha superficie de 753,86 m2 que agora se propón transformar en pública; e a outra é unha zona verde pública que se propón transformar en privada cunha superficie de 577,97 m2, resultando incrementada a dotación de zonas verdes públicas.

Daquela, a modificación puntual propón o intercambio de titularidade, mantendo o uso existente entre a parcela privada e unha pública, de forma que a parcela pública resultante é maior que a orixinaria sen perder funcionalidade nin accesibilidade. Esta nova parcela pública é lindante cun sendeiro público e coa parcela sobre a que se prevé a construción da piscina municipal.

Así mesmo, a modificación limita a edificación nun tramo do cuarteirón 4, para facilitar o acceso ao novo espazo libre privado que será de uso público.

III. Análise e consideracións.

– As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG, veñen xustificadas en tanto a modificación se formula para mellorar a ordenación urbanística existente e para incrementar a superficie das zonas verdes públicas, así como para conectar espazos de uso público con zonas de titularidade pública e privada.

– Os terreos obxecto da modificación puntual están localizados nunha zona sen incidencia do POL ao tratarse de solo que reúne as características de urbano.

– As zonas verdes que se permutan están situadas nas traseiras de edificacións colectivas abertas en forma de L. A zona verde pública resultante incrementa a súa superficie e non perde funcionalidade ao quedar incorporada ao espazo público do sendeiro. En canto á súa viabilidade como área de xogo e recreo para nenos, a súa superficie supera os 200 m2 requiridos no anexo do Regulamento de planeamento e permite a inscrición na súa planta dunha circunferencia de 12 m de diámetro.

– A modificación das zonas verdes e espazos libres públicos proposta acadou o informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo na súa sesión do 18 de setembro de 2013, en cumprimento do exixido no artigo 94.4 da LOUG.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

Resolvo:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das NSM do Concello de Bueu no ámbito do Plan parcial A1-S1 As Lagoas.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas