Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Martes, 1 de outubro de 2013 Páx. 38732

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido para subministración en Xove (Lugo), promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2012/19-0).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 12 de abril de 2012 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Xove, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2011/4-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 24 de agosto e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 27 de agosto.

Segundo esta autorización, a subministración de gas natural á localidade de Xove realizarase desde unha posición do futuro gasoduto de transporte básico da Mariña Lucense (Ribadeo-Lugo) e a rede de distribución estará formada por unha rede básica en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte dunha posición deste gasoduto e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Xove, do polígono industrial e da urbanización Palmeiro, e por unha rede secundaria, no mesmo rango de presión, que parte desta rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Segundo. O 21 de febreiro de 2013 esta dirección xeral ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución correspondente á rede de distribución de gas natural no termo municipal de Xove (expediente IN627A 2012/4-0).

Segundo consta neste proxecto de execución da rede de distribución, a subministración de gas adiantarase cunha planta satélite de gas natural licuado (cuxa autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución está en tramitación co número de expediente IN627A 2012/19-0).

Terceiro. O 19 de decembro de 2012 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido (GNL) para subministración en Xove (Lugo).

Segundo consta neste proxecto de execución da planta de GNL, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. pretende realizar a gasificación da localidade de Xove subministrando gas natural, nunha primeira fase, por medio dunha planta de GNL, adiantando na medida do posible este proceso; e, nunha segunda fase, esta planta substituirase por un punto de entrega de gas natural conectado ao gasoduto de transporte básico da Mariña Lucense (Ribadeo-Lugo).

As características básicas da planta de GNL son as seguintes:

A planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral número 27025A035000670000JE (polígono 35, parcela 67) no lugar de Tilleira, ao leste do núcleo urbano de Xove. Co propietario desta parcela a empresa Gas Galicia SDG, S.A. ten acordado asinar un contrato de arrendamento para a instalación da planta.

Esta planta estará conformada por tanque de almacenamento de GNL, unidade para descarga de cisternas, módulos de regasificación, regulación, medida, odorización e sistemas auxiliares para saída do gas natural, instalación contra incendios e instalación de control. As súas características xerais son as seguintes:

– Depósito de tipo vertical.

– Capacidade xeométrica de almacenamento: 20 m3.

–Capacidade de gasificación: 200 m3(N)/h.

– Capacidade de emisión horaria máxima: 200 m3(N)/h.

– Presión de saída: 2,5 bar.

Cuarto. O 23 de xaneiro de 2013 esta dirección xeral ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido (GNL) para subministración en Xove (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2012/19-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31 de maio de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 11 de xuño de 2013 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 2 de maio, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Xove durante vinte días.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución non se presentaron alegacións.

Quinto. O 19 de xullo de 2013 a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido (GNL) para subministración en Xove (Lugo).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; e na Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto de execución cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista denominada Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido (GNL) para subministración en Xove (Lugo), promovido por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista citada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contados desde o momento do outorgamento desta autorización administrativa, unha fianza por valor de 3.657,82 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., denominado planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido (GNL) para subministración en Xove (Lugo), subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia na súa delegación de Santiago de Compostela, co número 249/12 e data do 10 de decembro de 2012, e no cal figura un orzamento de 182.890,84 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes, contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sétima. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas