Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 30 de setembro de 2013 Páx. 38369

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2013 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS).

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. Severino Ángel Ares Lago, presidente do padroado da Fundación, mediante solicitude do 17 de abril de 2013, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 30 de xaneiro de 2013, ante o notario José Guillermo Rodicio Rodicio, no número de protocolo 143, por Severino Ángel Ares Lago, actuando en representación da entidade mercantil Lonja de La Coruña, S.A.

Esta escritura foi emendada por outra outorgada tamén na Coruña o 27 de xuño de 2013, ante o mesmo notario, co número de protocolo 858.

3. A Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS) ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos: o fomento da economía social e desenvolvemento da economía produtiva de Galicia no sector pesqueiro; traballar no eido da pesca en xeral e nos aspectos estruturais ou políticos, ambientais e sustentables, nos innovadores ou competitivos, nos sociais e socioeconómicos, na formación e capacitación, para acadar o desenvolvemento económico e social das entidades e empresas e da sociedade e economía galegas.

4. Na constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación constan os aspectos relativos á súa denominación e natureza (artigo 1): o seu enderezo na lonxa da Coruña, sita na Coruña, peirao de Linares Rivas, s/n (artigo 2); o seu obxecto e finalidade (artigo 6); as regras para aplicación das rendas ao obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 9 e 11), e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 12 a 26).

6. Os membros do padroado da fundación que aceptaron o seu cargo son a Asociación de Armadores de Buques Pescagalicia-Arpega-O Barco, representada por Severino Ares Lago como presidente; e a Organización de Buques Arrastreros Coruñeses, representada por Torcuato Teixeira Valoria; a Asociación local de empresarios mayoristas exportadores de pescados y mariscos de La Coruña, representada por Alejandro Corredoira Isasi; a Asociación de subastadores de pescados y mariscos del puerto de La Coruña, representada por Sonia Revert López; a Asociación local de armadores de pesca del norte, representada por Manuel Otero Eijo; a Organización de productores de pesca fresca del puerto de La Coruña, representada por Francisco Etchever Lemus; o alcalde presidente do Concello da Coruña, Carlos Negreira Souto; a conselleira da Consellería do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana Carballo; o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada Rodríguez, e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto Barbeito como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese para o fomento da economía social e desenvolvemento da economía produtiva de Galicia no sector da pesca da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), dado o seu obxecto e finalidade.

8. Á vista da citada proposta da Comisión de Secretarios Xerais Técnicos, por orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 24 de xullo de 2013 (Diario Oficial de Galicia do 12 de agosto), clasificouse como de interese para o fomento da economía social e o desenvolvemento da economía produtiva de Galicia no sector da pesca e adscribiuse á Consellería do Medio Rural e do Mar para efectos do exercicio do protectorado sobre ela.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería do Medio Rural e do Mar a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

3. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego, e o Decreto 15/2009, da mesma data polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural e do Mar, da Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), polo que, por todo isto:

RESOLVE:

1. Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS).

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural e do Mar.

3. Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 12/2006, do 1 de decembro, e ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundación de Interese Galego, e ao Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, quede suxeita ao protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2013

Alfonso García Magariños
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar