Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 30 de setembro de 2013 Páx. 38445

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 6 de agosto de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para unha planta de fabricación de produtos lácteos, promovida por Celega, S.L., no concello do Saviñao (clave do expediente 2012-IPPC-I-141).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– Proxecto básico de solicitude da autorización ambiental integrada. Celega, S.L. Estrada Torre de Freán-Vilatán. O Saviñao-Lugo.

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, se é o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. O citado documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (r/ Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo).

– Concello do Saviñao (Praza de España, 1, O Saviñao, 27540 Lugo).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2012-IPPC-I-141.

Peticionaria: Celega, S.L.

Domicilio social: estrada Torre de Freán, Vilatán, s/n, O Saviñao, Lugo.

Localización da instalación: estrada Torre de Freán, Vilatán, s/n, O Saviñao, Lugo.

Actividade: esta instalación dedícase, desde o ano 2009, á recollida de leite e á elaboración de soro, nata, leite concentrado, leite pasteurizado e produtos lácteos fraccionados (retentado). A totalidade dos seus produtos expídense a granel.

Descrición: para o desenvolvemento da súa actividade a planta conta coas seguintes liñas de proceso, segundo o produto final demandado:

– Expedición de leite enteiro sen tratamento.

– Pasteurizado de leite crú para obtención de leite enteiro pasteurizado.

– Desnatado (e pasteurizado) para obtención de leite desnatado pasteurizado e nata pasteurizada.

– Concentración de leite desnatado mediante ultrafiltración para obtención de retentado concentrado e soro concentrado, que é tratado mediante nanofiltración ou osmose inversa para a obtención de permeato concentrado.

– Concentración de leite desnatado mediante nanofiltración para obter leite desnatado concentrado.

– Hixienización para obtención de leite hixienizado, leite hixienizado pasteurizado ou leite hixienizado pasteurizado homoxeneizado.

– Homoxeneización para obtención de leite homoxeneizado pasteurizado ou leite homoxeneizado pasteurizado concentrado por nanofiltración.

Verteduras: as augas sanitarias procedentes de aseos e vestiarios, xunto coas de proceso industrial (procedentes da concentración de leite e soro, limpeza de equipamentos, limpeza de camións, zona de báscula e zona de descarga de cisternas) e parte das pluviais (as procedentes das zonas de tanques de almacenamento, lavado de camións e marquesiña de aparcadoiro), condúcense á EDAR da planta que verte nun único punto do río Pesqueiras ou Saviñao. As augas pluviais do resto de patios e cubertas recóllense nunha rede separativa e vértense mediante infiltración en dous puntos da parcela da planta.