Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Xoves, 19 de setembro de 2013 Páx. 36980

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Función Publica, pola que se anuncia a exposición das listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2012, relativos á axuda para a atención de persoas discapacitadas para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido na norma 7.2 dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2012, relativos á axuda para a atención de persoas discapacitadas, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia do 21 de marzo de 2013 e publicados por Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 1 de abril de 2013 (DOG número 68, do 9 de abril), o anuncio de exposición das listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Dado que nas listaxes preceptivas figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde, protexidos pola Lei orgánica 15/1995, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos/das solicitantes ou dos/das causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Dando cumprimento ao prescrito, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listaxes provisionais de axudas aprobadas e denegadas dos criterios de repartición do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2012, relativos á axuda para a atención de persoas discapacitadas, na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública http://funcionpublica.xunta.es/?q=FAS

Para o coñecemento íntegro do acto, os/as solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e mais o código de impresión da súa solicitude.

Segundo. Os/as interesados/as poderán presentar reclamación contra a resolución provisional dos expedientes e, de ser o caso, emendar os defectos causantes da exclusión provisional, no prazo de dez días hábiles que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros públicos, oficinas de Correos e demais lugares establecidos no artigo 38 da dita Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As reclamacións e achegas de documentos deberán dirixirse ao director xeral da Función Publica, da Consellería de Facenda, no Edificio Administrativo San Caetano número 1, piso 2º, 15770 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2013

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública