Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 17 de setembro de 2013 Páx. 36668

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Consumo

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2013 pola que se convoca e se regula a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica (código de procedemento IN107E).

Preámbulo

O artigo 51 da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa dos consumidores e usuarios protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, saúde e os lexítimos intereses económicos deles.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30, número 1, parágrafo cuarto, outórgalle á Comunidade galega competencias exclusivas en materia de defensa do consumidor e do usuario.

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, consciente da situación de desvantaxe e mesmo de indefensión en que se atopan, con demasiada frecuencia, os consumidores e usuarios no actual escenario de mercado no momento de adquirir un produto ou contratar un servizo, regula, entre outros aspectos, a protección dos lexítimos intereses económicos dos consumidores e a información sobre os diferentes bens, produtos e servizos que se ofrecen no mercado.

Por outra banda, a citada Lei 2/2012 establece no seu capítulo VII do título I que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, a través do seu órgano competente en materia de consumo, fomentar a formación e a educación dos consumidores coidando o coñecemento dos seus dereitos para que os poidan exercer de acordo con pautas de consumo responsable nun mercado global, altamente tecnificado e cambiante. Esta formación deberá orientarse a conseguir instaurar no consumidor e usuario unhas pautas de consumo responsable, con criterios de sustentabilidade ambiental, económica e social e, de forma especial, a prevención do sobreendebedamento.

Por outra banda, a divulgación en materia de consumo así como os plans e programas necesarios para levar a cabo esta educación e formación deberá levarse a cabo en colaboración, entre outras, coas organizacións de consumidores implantadas na nosa comunidade autónoma.

Na actualidade o número de reclamacións e consultas dos consumidores en referencia ao problema da tarificación eléctrica veuse incrementado de forma notoria, tanto a nivel nacional como a nivel da nosa comunidade autónoma e, especialmente, a partir da introdución da tarifa de último recurso (TUR) e a entrada en vigor da normativa de establecemento de facturación mensual con lectura estimada e real.

Todo isto unido á existencia duns modelos de factura de subministración de enerxía eléctrica dificilmente comprensible para o consumidor ou usuario que implica confusión e opacidade e non permite unha elección libre e responsable acomodada aos seus intereses económicos fai que a Consellería de Economía e Facenda, a través do Instituto Galego de Consumo, considere de máximo interese potenciar actuacións de formación, sensibilización e divulgación entre os consumidores e usuarios de subministración de enerxía eléctrica co fin de que a dita formación e información lles permita ter unha visión real e esclarecedora do mercado que lles axude a obter pautas de consumo responsable.

En virtude do exposto e en exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de axudas do Instituto Galego de Consumo ás asociacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica durante o ano 2013, e proceder á súa convocatoria.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo para a presentación das solicitudes comezará ao día seguinte da publicación desta orde no DOG e rematará cando se esgoten os fondos económicos consignados. En todo caso, finalizará o 30 de setembro de 2013.

4. Non obstante, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN107E, poderase obter información adicional no Instituto Galego de Consumo a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do Instituto Galego de Consumo.

b) Os teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego de Consumo.

c) O enderezo electrónico cooperacion.igc@xunta.es

d) Presencialmente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2013

Sol Mª Vázquez Abeal
Presidenta do Instituto Galego de Consumo

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para o ano 2013 ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia se subministración eléctrica (código de procedemento IN107E)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. As axudas reguladas nestas bases teñen por obxecto a realización por parte das asociacións de consumidores inscritas na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia dun programa de actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica, coas especificidades que se establecen no artigo 2 destas bases.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións e gastos susceptibles de axuda

1. As axudas concederanse para atender os gastos xerados polo desenvolvemento de programas de actividades que impliquen sensibilización, formación e divulgación que xeren, no consumidor a que van dirixidas, un grao de coñecemento da problemática da facturación e consumo de subministración eléctrica co fin de adquiran os coñecementos suficientes que lles permitan tomar decisións que redunden nun aforro e racionalidade do gasto en consumo eléctrico.

2. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados desde a entrada en vigor da presente orden e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 15.

Consideranse custos subvencionables aqueles gastos que se xeren e que sexan directamente imputables ás actuacións de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración eléctrica, en concreto:

a) Desenvolvemento e impartición de actividades formativas maioritariamente prácticas encamiñadas a identificar, esclarecer e coñecer os datos esenciais que conforman a factura de consumo eléctrico, como poden ser:

– Os datos do subministrador e do distribuidor entendendo que poden ser empresas distintas.

– Todos os datos relacionados cos consumos eléctricos, entendendo o funcionamento de consumo real e consumo estimado, medición do consumo etc.

– Os datos relacionados co custo económico da subministración eléctrica para aplicar en cada facturación.

– Os datos económicos que se ven implicados no importe final da factura.

b) Desenvolvemento e impartición de actividades práctico-teóricas co fin de sensibilizar e concienciar da importancia no aforro no consumo eléctrico (consumo de electrodomésticos, clases enerxéticas dos electrodomésticos, tarifas nocturnas...).

c) Desenvolvemento práctico de simuladores de consumo eléctrico ou outro tipo de ferramentas que axuden a unha mellor comprensión da factura elécrica e a un aforro na subministración eléctrica nos fogares.

d) Taller de elaboración e diseño de guías útiles, claras e prácticas en que participen os própios consumidores destinatarios das actividades co fin de fortalecer os criterios fundamentais no control do consumo eléctrico entre os consumidores.

3. Cada actividade ou proxecto financiarase cunha cuantía máxima total de 200 euros (IVE incluído) por actividade, cun máximo de 12 actividades ou proxectos por asociación.

4. A duración mínima de cada actividade será de 2 horas presenciais.

5. As ditas actividades deberanse realizar en distintas localidades do ámbito de actuación da asociación, e non se poderá realizar máis dunha actividade por localidade, salvo asociacións con sede en calquera das sete grandes cidades da nosa comunidade autónoma en que se poderán realizar ata un máximo de tres actividades).

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ás asociacións de consumidores de Galicia por un importe total de 60.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.781.0 do proxecto de orzamento do Instituto Galego de Consumo para o ano 2013, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis axudas. Tal incremento de crédito poderá provir de xeracións, ampliacións ou incorporacións de crédito.

2. O incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. A contía das axudas concedidas poderá financiar ata un 100 % dos gastos obxecto de financiamento, e non poderá superar, en calquera caso, cada actividade individual a cuantía de 200 euros (IVE incluído) e o total da axuda, a cantidade de 2.400 euros (IVE incluído).

4. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de consumidores que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio .

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas asociacións que, incumprindo manifestamente os seus deberes legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego de Consumo.

3. Para que as asociacións poidan beneficiarse destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Instituto Galego de Consumo no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 5. Solicitude e documentación

1. Cada asociación poderá presentar unha única solicitude (anexo II). Por cada solicitude poderán figurar ata un máximo de 12 actividades por asociación (anexo III).

2. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das axudas presentaranse na forma e prazo que se indican nos artigos 2 e 3 da convocatoria.

3. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Autorización para que o Instituto Galego de Consumo proceda á consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do departamento ministerial competente, incluída no anexo II da solicitude. No caso de non prestar autorización debe presentarse a fotocopia compulsada do DNI do representante legal da empresa.

c) Testemuño auténtico de poder cando a persoa solicitante actúe en representación da asociación.

d) Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude en que se faga constar, tanto no que se refire ás persoas físicas como ás xurídicas solicitantes, que non están incursas en ningunha das prohibicións recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo anexo IV.

e) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, polas distintas administracións públicas, segundo o modelo anexo IV.

f) Certificación da listaxe de actividades que se pretenden levar a cabo obxecto de subvención (anexo III).

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización para que o órgano competente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento. Daquela, deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consente expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro. Esta publicación levarase a cabo agás nos supostos legalmente establecidos.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos de carácter persoal previstos na lei poderán exercerse dirixindo un escrito ao Instituto Galego de Consumo.

Todo iso consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De acordo co previsto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, e da Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, pola que se desenvolve aquel, os solicitantes poderán facer constar no formulario de solicitude o seu consentimento expreso para que a Administración verifique de xeito telemático os seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do departamento ministerial competente.

En caso de que non presten ese consentimento, deberán presentar xunto coa solicitude unha fotocopia compulsada do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

4. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa solicitante autoriza expresamente ó Instituto Galego de Consumo para que, de acordo co establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique relación de beneficiarios, importe das axudas concedidas, finalidade, convocatoria, programa e crédito orzamentario no Diario Oficial de Galicia e na paxina oficial do órgano administrativo, coas exencións previstas no artigo 15.2.c) e d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas a que fan referencia esta bases será o Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo, e corresponderalle á Presidencia do Instituto Galego de Consumo ditar a resolución da concesión.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007 e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes por orde de entrada na unidade tramitadora atendendo ao disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotameto do crédito. O órgano xestor publicará no DOG e na páxina web da Consellería de Economía e Industria o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa intensidade prevista no artigo 3.4 desta resolución, o crédito esgotarase nela coa porcentaxe de axuda que resulte.

No caso de coincidencia na data entre varias solicitudes, e cando non se dispoña de crédito suficiente para atender todas coa intensidade de axuda solicitada, o crédito distribuirase de maneira ponderada entre elas en función da solicitude e respectando o límite de intensidade máxima prevista no artigo 3.4.

2. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta lei e na presente resolución, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, se procederá conforme o que determina o artigo 42.1 de la citada lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.1 resulta que o solicitante non se encontra ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirírselle ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán a disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselles de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao/á presidente/a do Instituto Galego de Consumo.

2. O presidente/a do Instituto Galego de Consumo, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, os conceptos que se subvencionan e o seu custo, así como a axuda concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das axudas concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os 5 meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no DOG da presente resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b da indicada lei, no caso das axudas concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Galego de Consumo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da axuda outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta resolución esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpor:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo de instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 9.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á axuda, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á axuda poderase facer axustándose ao modelo que se xunta como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o/a presidente/a do Instituto Galego de Consumo ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 14. Obrigas do beneficiario

Son obrigas do beneficiario as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, en concreto, as que se relacionan a seguir:

a) Realizar a actividade nas condicións que fundamentaron a concesión da axuda.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles fose requirida en exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Esta axuda é compatible con outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, sempre e cando o importe total das axudas ou axudas concedidas non supere o coste total da actividade.

d) Pór á disposición do IGC calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas organizacións para a obtención de axudas.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Para as axudas indicadas nestas bases, as asociacións deberán exhibir, nos lugares de realización das actividades, o patrocinio destas pola Consellería de Economía e Industria e polo Instituto Galego de Consumo.

Artigo 15. Xustificación

1. Para cobrar a axuda concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, tendo de prazo límite para presentala ata o 30 de novembro (inclusive) de 2013, sen que sexa necesario esgotar o prazo máximo:

a) Certificación do/a secretario/a da organización, co visto e prace do presidente/a, de que o programa de actividades foi executado conforme o indicado na solicitude.

b) Xustificación dos asistentes ás actividades que se leven a cabo.

c) Memoria final de avaliación por cada unha das actividades realizadas (anexo VII).

d) Relación clasificada dos gastos e investimentos de cada unha das actividades subvencionadas, con identificación do acredor, concepto, importe, a data de emisión e a data de pagamento (anexo VIII).

e) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, emitidas polos provedores en relación coa actuación subvencionada, en orixinal ou fotocopia compulsada.

f) As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro (BOE do 29 de novembro), modificado polo Regulamento aprobado polo Real decreto 87/2005, do 31 de xaneiro (BOE do 1 de febreiro).

g) Os pagamentos poderanse realizar polos seguintes medios:

– Transferencia bancaria.

– Cheque nominativo co seu xustificante de movemento de fondos.

– Pagamentos en efectivo: condicións para a correcta acreditación do pagamento: debe presentar un recibo asinado e selado polo provedor en que estea suficientemente identificada a empresa que recibe o importe e no cal consten o número e a data de emisión do xustificante de pagamento, así como o nome e o NIF da persoa que o asina. No suposto de que o pagamento se acredite mediante xustificante de recepción consignado no mesmo documento xustificativo do gasto, este deberá conter a sinatura lexible indicando a persoa que o asina, o seu NIF e o selo do provedor. A xustificación do pagamento mediante xustificante de recepción do provedor só poderá aceptarse para gastos de escasa contía, segundo o establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, polas distintas administracións públicas, segundo o modelo anexo V.

i) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de se encontraren ao día nas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

j) Declaración responsable, debidamente actualizada, de que non están incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo anexo V.

k) Todos os materiais producidos no desenvolvemento dos proxectos deberán remitirse ao IGC xunto coa xustificación en soporte dixital en formato PDF. No caso de haber imaxes, o formato será JPG.

l) Reportaxe fotográfica do desenvolvemento das actividades de formación.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á axuda. Neste caso, o/a presidente/a do Instituto Galego de Consumo ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992.

Artigo 16. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da axuda, os órganos competentes do Instituto Galego de Consumo, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. As axudas minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxectivo.

3. De conformidade co establecido no artigo 65.4º e 5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias desta resolución non están obrigadas a constituír garantía.

Artigo 17. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da axuda, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria do Instituto Galego de Consumo. O importe da devolución incluirá os xuros de mora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/ás beneficiarios/as das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Fiscalización e control

1. O Instituto Galego de Consumo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas.

2. Ademais do anterior, a concesión das axudas e axudas reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 19. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da axuda.

Non obstante o anterior, cando os importes das axudas concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das axudas concedidas na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file