Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Luns, 16 de setembro de 2013 Páx. 36429

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 19 de agosto de 2013 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e, definitivamente, o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte de Lemos coa LU-546, clave: LU/09/256.00.

Con data do 12 de agosto de 2013, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 24 de abril de 2012, a directora da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou provisionalmente o estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte de Lemos coa LU-546, clave: LU/09/256.00.

Segundo. Con data do 18 de xullo de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia (nº 137) a Resolución do 29 de xuño de 2012, da directora da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se sometía ao trámite de información pública o estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte de Lemos coa LU-546, clave: LU/09/256.00.

Para os efectos anteriores, con data do 17 de xullo de 2012 remitiuse o estudo informativo e estudo de impacto ambiental ao Concello de Monforte de Lemos e ao Servizo Provincial de Infraestruturas de Lugo, para a súa exposición ao público, durante 30 días hábiles, prazo durante o cal tamén estivo exposto ao público na Axencia Galega de Infraestruturas.

Terceiro. Con data do 13 de xuño de 2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou declaración de impacto ambiental; publicada no DOG do 9 de agosto de 2013.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 15.1 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, establece que cando se trate da construción dunha nova estrada ou variante de poboación non prevista no planeamento urbanístico vixente, a Administración titular da estrada aprobará tecnicamente o correspondente estudo informativo ou proxecto de trazado que se someterá ao trámite de información pública durante un prazo de trinta días hábiles, na forma prevista na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No punto 2 dese artigo establécese que, simultaneamente coa información pública, o estudo ou proxecto deberá remitirse ás administracións afectadas para que, no prazo dun mes, examinen se o trazado proposto é o máis adecuado para o interese xeral e para os intereses das localidades e provincias afectadas. Transcorrido este prazo e un mes máis sen que as administracións afectadas emitan informe ao respecto, entenderase que están conformes co estudo ou proxecto.

Segundo. Na tramitación do expediente tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra de conexión porto seco Monforte de Lemos coa LU-546, clave: LU/09/256.00, coas seguintes prescricións e modificacións, que son consecuencia da análise efectuada das alegacións presentadas:

1ª. Mantense a alternativa 2 como alternativa elixida, e a información achegada na fase de alegacións será tida en conta en fases posteriores de proxecto de trazado e construción, onde se desenvolverá a dita alternativa.

2ª. Deberá de existir unha coordinación con ADIF pola posible interferencia co treito entre Monforte de Lemos e a variante da Pobra de San Xiao da liña de altas prestacións Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.

Segundo. Nas fases posteriores do proxecto e durante a execución da obra cumpriranse as prescricións da declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental na súa Resolución do 13 de xuño de 2013.

Terceiro. Consonte establece o artigo 15.3 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, ordénase a modificación ou revisión do planeamento urbanístico do Concello de Monforte de Lemos, afectado polo estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte de Lemos coa LU-546, clave: LU/09/256.00, o cal deberá acomodarse ás determinacións do estudo informativo no prazo dun ano desde a súa aprobación.

Cuarto. Os proxectos de trazado e de construción que desenvolvan o estudo informativo deberán axustarse ás indicacións recollidas nesta resolución.

Quinto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas