Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Venres, 13 de setembro de 2013 Páx. 36029

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2013, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara en concreto de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT, CT, RBT Seixalbo, no concello de Ourense (expediente IN407A 2013/30-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia, así como a aprobación do seu proxecto de execución, asinado o 22.3.2013 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633; resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Resolución do 15 de maio de 2013, da xefatura territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, publicada no DOG do 18.6.2013, no BOP de Ourense do 12.7.2013, no xornal diario La Voz de Galicia-Ed. Ourense do 12.7.2013, no taboleiro de anuncios do concello afectado, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Dentro do prazo para formular alegacións presentou escrito o titular do predio nº 2, segundo as numeracións do plano parcelario de proxecto. Destas alegacións, que se refiren á desconformidade coas ocupacións que recolle o proxecto dentro da súa propiedade e iso de acordo co disposto, segundo entende, no artigo 161 do citado Real decreto 1955/2000, e cos prexuízos económicos que comporta, así como coa alternativa proposta para situar o transformador en predio próximo, déuselle traslado á empresa eléctrica solicitante para os efectos oportunos.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 195.145,00 euros, son as seguintes:

Características técnicas:

– LMT subterránea a 20 kV, de 521 m con condutor RHZ1, con orixe na LMTS SCV809 CT1-RAIRO 29 desde o actual CT (32AR10 Seixalbo 2), que se vai suprimir, e remate en apoio proxectado, con PAS, na LMTS SCV 809/dep. San Cibrao (32PR54), con entrada e saída no CT proxectado Seixalbo-2, prefabricado manobra exterior, de 400 kVA e R/T 20.000/400-230 V.

– RBT subt. de 477 m con condutor XZ1 derivada do C.T proxectado Seixalbo-2.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma Galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1.5.2009).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Non se pode aceptar o solicitado por Marco Antonio Rivo Rodríguez, titular do predio nº 2 dos afectados, nas súas alegacións xa que:

– O menosprezo derivado das ocupacións e imposicións de servidume non corresponde a esta fase do procedemento entrar na súa valoración, pois iso é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, órgano ao cal se lle remitirá o expediente logo do levantamento das actas previas á ocupación e da incorporación das follas de valoración contraditorias que presenten as partes.

– No que se refire á situación das infraestructuras proxectadas cabe dicir que aquela foi a que, á xuízo do proxectista e seguindo a lexislación de aplicación, se considerou a máis axeitada no intento de lograr unha solución técnico-económica e ambiental óptima para o conxunto da instalación.

– En canto á alternativa proposta polo Sr. Rivo para situar o transformador no predio colindante co seu, e polo tanto deixar o seu predio libre de afección, dicir que non foi aceptada pola empresa eléctrica ao xerar novas afeccións sobre outros particulares non incluídos na relación de afectados, os cales se poderían manifestar de igual xeito e, como tamén sinala, este proxecto non incorre en ningún tipo de prohibición que impida a construción das instalacións previstas.

– Por último, en canto ás condicións urbanísticas e clasificación do predio, informalo de que segundo o artigo 162.1 do citado Real decreto 1955/2000, a servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono servinte cercar aquel ou mesmo edificar deixando a salvo a dita servidume, e sempre que for autorizado para iso pola Administración competente.

Cuarto. O proxecto de execución, que recibiu informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, efectuándose a comprobación sobre o terreo da traza da liña eléctrica, na cal non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º. Autorizar, aprobar o proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2º. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economia e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 22 de agosto de 2013

Gabriel Diéguez Domínguez
Xefe territorial de Ourense