Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Luns, 9 de setembro de 2013 Páx. 35551

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de setembro de 2013 pola que se prorroga o nomeamento como director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia de José Eduardo López Pereira.

Por medio da Resolución do 12 de marzo de 2001 publícase o convenio de colaboración para a creación do Consorcio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), posteriormente modificado pola Resolución de 10 de decembro de 2008, ao tempo que se modifican os estatutos da Axencia, coa finalidade primordial da promoción e a garantía da calidade do Sistema universitario de Galicia, así como a de impulsar a súa integración competitiva no contexto universitario nacional e internacional.

A ACSUG conta con personalidade xurídica propia, realiza as funcións que ten atribuídas con total independencia e desenvolve os seus obxectivos co máximo rigor e con pleno respecto á autonomía universitaria e aos principios de obxectividade, transparencia, responsabilidade, eficacia e sometemento á lei e ao dereito.

No artigo 11 dos vixentes estatutos da ACSUG establece que os seus órganos de goberno e dirección son a presidenta ou presidente, o Consello de Dirección e a directora ou director.

No artigo 20 prevé que a directora ou director da ACSUG será nomeado pola persoa titular do departamento que teña atribuídas as competencias en materia de universidades, oído o Consello de Dirección da ACSUG, atendendo a criterios de competencia, profesionalidade e experiencia, por un período de catro anos prorrogables por períodos iguais de tempo.

Por medio da Orde do 2 de setembro de 2009 (DOG nº 175, do 7 de setembro) nomeouse como director da ACSUG a José Eduardo López Pereira.

Transcorridos catro anos desde o seu nomeamento e de conformidade cas atribucións conferidas no artigo mencionado, unha vez oído o Consello de Dirección da ACSUG, na súa reunión do trece de maio de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Prorrogar o nomeamento como director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia de José Eduardo López Pereira.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria