Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 6 de setembro de 2013 Páx. 35463

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2013 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección polo que se modifican as bases reguladoras do programa de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

O Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 13 de febreiro de 2012 aprobou o texto das bases reguladoras do programa de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013. As bases fixéronse públicas mediante Resolución do 1 de xuño de 2012 (DOG nº 111, do 12 de xuño).

Por outra parte, con data do 10 de outubro de 2012 publicouse no DOG unha modificación destas bases que eximía de parte dos requirimentos de solvencia técnica ás organizacións clúster galegas e ás empresas con antigüidade inferior a dous anos, co fin de apoiar o crecemento e a consolidación das ditas entidades.

O nivel de integración dos bolseiros nas empresas, xunto coa próxima posta en marcha da unidade Galicia Emprende, en que o Igape coordinará unha rede de entidades de apoio ao emprendedor, motivan a formulación de axustes nos prazos de vixencia das listas definitivas de bolseiros titulares e suplentes, así como nos requirimentos establecidos para as entidades colaboradoras.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 22 de xullo de 2013, acordou a modificación das bases reguladoras do programa de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras do programa de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora das pemes galegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no seguinte senso:

Modifícase o punto 3 do artigo 6. Entidades colaboradoras, que queda redactado do seguinte xeito.

«6.3. Os clusters galegos legalmente constituídos, as empresas cuxa data de constitución teña unha antigüidade inferior a dous anos na data de publicación da convocatoria de bolsas para a que van acoller bolseiros e as entidades con que o Igape colabore no marco dun acordo formal para a prestación de servizos a empresas ou emprendedores no ámbito do artigo 1 destas bases, eximiranse do requisito de solvencia técnica relativa á experiencia de 4 anos (deberán cumprir o resto de requisitos de solvencia técnica), así como dos requisitos de solvencia económica. Así mesmo, quedarán eximidos da presentación da declaración responsable dos principais proxectos elixibles executados durante os últimos catro anos e substituirán a relación de contratos asinados ou encargas firmes para os próximos 12 meses por unha declaración dos principais traballos que van acometer».

Modifícase o punto 5 do artigo 10. Instrución dos procedementos, en que se axusta o prazo nos parágrafos 1 e 3 e que queda redactado do seguinte xeito:

«10.5. Selección para as prácticas formativas.

As listas definitivas de bolseiros titulares e suplentes terán vixencia ata o 31 de decembro do ano inmediatamente seguinte ao da súa convocatoria. Durante ese período e a medida que o Igape teña dispoñibilidade de axentes colaboradores para a realización de prácticas formativas e por resolución da Dirección Xeral do Igape, asignaráselle, por orde estrita de puntuación dentro das preferencias en titulacións concertadas no convenio de colaboración coa entidade correspondente, a cada bolseiro un titor e notificaráselle a ambos individualmente a dita asignación con expresión da data de comezo do desfrute do período da bolsa.

Os bolseiros seleccionados terán un prazo de tres días hábiles contados a partir do día seguinte ao da notificación do seu proxecto formativo para a súa incorporación ás prácticas formativas asignadas, a cal o axente colaborador lle comunicará ao Igape mediante a dilixencia de aceptación segundo o modelo normalizado establecido polo Igape. Se no dito prazo non constar a incorporación, entenderase que o bolseiro renuncia á axuda e procederase á selección do seguinte da lista de admitidos (en primeiro lugar) ou reservas (se xa non for posible asignalo a un posto da lista de admitidos), mediante resolución da Dirección Xeral do Igape ditada por delegación do Consello de Dirección.

Unha vez transcorrido o prazo de vixencia da resolución definitiva sen asignación dun titor, decaerá o dereito á percepción da bolsa, tanto das persoas titulares da bolsa como dos integrantes da lista de reservas, e arquivarase o expediente».

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica