Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 3 de setembro de 2013 Páx. 34995

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de agosto de 2013 pola que se convocan as asociacións de mulleres e as federacións constituídas por estas para o procedemento de elección das vogalías que lles corresponden no Consello Galego das Mulleres.

A disposición adicional quinta da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, crea o Consello Galego das Mulleres como un órgano colexiado e institucional de Galicia, de carácter consultivo, de participación e asesoramento en materia de políticas de igualdade. Posteriormente, o Decreto 157/2012, do 5 de xullo, regula o establecemento da súa natureza, fins e composición, adscribíndoo ao órgano da Administración xeral da comunidade autónoma competente en materia de igualdade.

Entre as finalidades do Consello Galego das Mulleres están a de ofrecer unha canle de participación efectiva ás mulleres, a través das asociacións e entidades representativas dos seus intereses no desenvolvemento e aplicación do dereito á igualdade entre mulleres e homes e na loita contra a discriminación, recollendo as súas reivindicacións e propostas dirixidas á consecución de tales fins, así como actuar como interlocutor ante a Administración autonómica e ante calquera institución ou entidade de carácter público ou privado, para o desenvolvemento de políticas públicas e medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes e á erradicación da violencia de xénero.

Para a consecución destes obxectivos, no Consello Galego das Mulleres deben estar representados os sectores máis relevantes que actúan no eido da igualdade. O Decreto 157/2012 establece directamente a participación e forma de designación dos/das vogais representativos/as das administracións públicas autonómica e local de Galicia e das organizacións sindicais e empresariais. En relación coas asociacións e federacións de mulleres, o artigo 4 do antedito decreto asígnalles 15 vogais e o artigo 6 establece que para o procedemento de elección destas vogalías a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convocará o proceso de presentación de candidaturas e de votación.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é convocar o proceso de presentación de candidaturas e das súas adhesións de acordo co previsto no artigo 6.2 do Decreto 157/2012, do 5 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero no relativo aos órganos consultivos e de participación.

Artigo 2. Requisitos das asociacións e federacións participantes

As asociacións de mulleres e as federacións por elas constituídas que desexen participar neste procedemento deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar formadas exclusivamente por mulleres.

b) Ter o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estar legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

d) Ter sido creadas con carácter estable para a realización, sen ánimo de lucro, de fins específicos relacionados cos intereses das mulleres.

A concorrencia a este procedemento dunha federación, confederación ou agrupación de asociacións excluirá a das súas organizacións asociadas.

Artigo 3. Solicitudes

As asociacións de mulleres e as federacións por elas constituídas que pretendan concorrer a este procedemento poderán participar como votantes e/ou como candidatas, presentando para tal efecto, debidamente cuberto, o anexo I que se xunta á presente orde.

Artigo 4. Documentación

Coa finalidade de acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 2, as entidades que desexen participar neste procedemento deberán presentar, xunto co antedito anexo I, a seguinte documentación:

1. As entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) nas áreas de muller e/ou igualdade deberán acompañar a solicitude dunha declaración responsable asinada pola persoa que represente legalmente a entidade, acreditativa de que esta está integrada exclusivamente por mulleres, así como do número de afiliadas con que conta na data de presentación da documentación (anexo III).

Sen prexuízo da obrigatoriedade da presentación desta documentación, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá requirir as entidades inscritas no RUEPSS para que acheguen a copia compulsada dos seus estatutos coa finalidade de verificar o requisito establecido no artigo 2, alínea d), da presente orde.

No caso de que a documentación presentada estea asinada por persoa distinta da que figure no RUEPSS como representante legal da entidade, a Secretaría Xeral da Igualdade requirirá a acreditación desta representación legal. Para atender este requirimento disporase dun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación. Se dentro do dito prazo non se acredita a dita representación, entenderase que a entidade desistiu da súa petición, de acordo co establecido no artigo 71.1 da Lei 30/1992, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da mencionada lei.

2. As entidades que non figuren inscritas no RUEPSS nas áreas de muller e/ou igualdade deberán xuntarlle á solicitude a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representación legal da persoa que subscriba a solicitude.

b) Copia compulsada dos estatutos da entidade, coa finalidade de acreditar que está legalmente constituída, que os seus fins estatutarios se enmarcan dentro do ámbito da igualdade e os intereses das mulleres e que o seu ámbito de actuación está comprendido dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Memoria descritiva dos programas específicos que desenvolve a entidade, que deberán ter relación directa con algún destes ámbitos: defensa da igualdade, loita contra a discriminación das mulleres, loita contra a violencia de xénero.

d) Declaración responsable asinada pola persoa que represente legalmente a entidade, acreditativa de que esta está integrada exclusivamente por mulleres, así como do número de afiliadas con que conta na data de presentación da documentación (anexo III).

Artigo 5. Lugares, forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes poderanse presentar por algún dos seguintes medios:

a) En soporte papel, nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992).

b) Ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/da solicitante ou representante legal. Ao Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente, ou tamén a través do portal www.xunta.es

2. No caso da presentación electrónica, teranse que cumprir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a presentadora sexa a persoa física que exerza a representación legal da entidade.

b) O/a presentador/a deberá posuír algún dos seguintes certificados:

– DNI electrónico, conforme o disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

– Certificado electrónico en vigor baixo a Norma X.509 V3, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme o disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

– Calquera outro certificado electrónico ou método de identificación admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

Os certificados deben ter exclusivamente os atributos da persoa física pola que se acredita a vontade da dita persoa física e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que ademais estean vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance, por exemplo para fins tributarios.

3. O prazo de presentación das solicitudes será de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. As entidades admitidas para participar neste procedemento como candidatas encadraranse en catro categorías: unha categoría xeral e tres categorías especiais: organizacións profesionais, rurais e de atención a colectivos con especiais dificultades, segundo a categoría que elas mesmas teñan indicado no momento de cubrir a solicitude de participación (anexo I) e a verificada pola Secretaría Xeral da Igualdade de acordo co establecido nesta orde.

Artigo 6. Tramitación

1. Concluído o prazo de presentación, a Secretaría Xeral da Igualdade analizará a documentación presentada polas entidades solicitantes e resolverá provisionalmente sobre a admisión ou exclusión das asociacións de mulleres e federacións neste proceso e publicará a correspondente resolución provisional na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade: http://igualdade.xunta.es, coas relacións das entidades admitidas para participar no proceso como votantes e das admitidas para participar como candidatas. Así mesmo, publicará unha relación provisional de entidades excluídas, tanto votantes como candidatas, con indicación da causa de exclusión. Esta resolución tamén lles será notificada mediante correo electrónico a aquelas entidades que indicasen expresamente un enderezo de correo electrónico na súa solicitude de participación.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderanse requirir as entidades para que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a verificación do cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou para a tramitación e resolución do procedemento.

2. As entidades que resulten excluídas na relación provisional ou as incluídas que desexen manifestar a súa desconformidade coa resolución, disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación na páxina web da resolución, para achegar os documentos oportunos ou realizar as alegacións que consideren convenientes. Para os efectos do cómputo deste prazo, indicarase expresamente na publicación a data límite de presentación de documentación e alegacións e, así mesmo, quedará constancia no expediente da data de publicación da resolución na páxina web, mediante certificado emitido pola Secretaría Xeral da Igualdade.

3. Das entidades excluídas que no dito prazo non presenten alegacións contra a súa exclusión provisional considerarase que desisten da súa petición de acordo co establecido no artigo 71.1 da Lei 30/1992, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da mencionada lei.

4. Unha vez finalizado o prazo de reclamación contra a resolución provisional, e logo de analizar as posibles reclamacións presentadas, a Secretaría Xeral da Igualdade ditará resolución definitiva en que figurarán as entidades admitidas e excluídas, tanto votantes como candidatas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Proceso de votación

1. Unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva que estableza as entidades admitidas e excluídas a este procedemento, iniciarase a fase de votación, que se desenvolverá durante 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da dita resolución.

Durante eses 10 días hábiles, as entidades admitidas como votantes poderán emitir o seu voto a favor dun máximo de 15 das asociacións e federacións proclamadas como candidatas, cubrirán o anexo II e achegarano á Secretaría Xeral da Igualdade, preferiblemente no enderezo electrónico xestion.igualdade@xunta.es ou, alternativamente, por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992.

2. Co obxecto de reflectir a pluralidade do movemento asociativo de mulleres, garantindo a representatividade do Consello Galego das Mulleres, cada asociación/federación que participe no proceso de votación deberá elixir como mínimo unha e, como máximo, dúas das entidades que figuren no censo de candidatas en cada un dos bloques das categorías especiais. O resto das adhesións, ata completar o máximo de 15, distribuiranse entre as entidades que figuren no bloque xeral. Non se considerarán para participar neste procedemento os votos emitidos que non cumpran con estes requisitos.

3. Consideraranse nulos todos os votos (anexo II) nos seguintes casos:

a) Que teñan adhesións a máis de 15 candidaturas.

b) Que conteñan emendas ou borranchos.

c) Que non estean debidamente asinados pola persoa representante legal da entidade que estea exercendo o dereito de participar como votante neste proceso.

4. Consideraranse votos en branco aqueles en que non apareza cuberta ningunha candidatura ou aqueles sobres que estean baleiros.

Artigo 8. Asignación de vogalías

1. O resultado da votación, con indicación do número total de votos emitidos, así como o número de votos obtidos por cada candidatura, publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade e serán tamén comunicados mediante correo electrónico a aquelas entidades que indicasen expresamente un enderezo electrónico na súa solicitude de participación.

2. A asignación de vogalías entre as entidades levarase a cabo segundo unha repartición proporcional en función do número de adhesións que cada candidatura recibise, de conformidade co establecido no Decreto 157/2012, do 5 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, no relativo aos órganos consultivos e de participación.

3. No caso de se produciren empates entre entidades, entenderase que a elección lle corresponde á entidade que teña un maior número de afiliadas e, no caso de persistir o empate, corresponderalle á entidade de maior antigüidade.

4. Co obxecto de asegurar a representatividade territorial, no caso de que do procedemento de asignación de vogalías derivase unha representatividade inferior ao 15 % dalgunha provincia (2 vogalías), garantirase a presenza das dúas entidades dese ámbito territorial que teñan obtido o maior número de adhesións á súa candidatura. Se houber unha única entidade que se postulase como candidata por algunha provincia, obtería dúas vogalías. No suposto de que por algunha provincia non se postulase ningunha candidatura, non haberá lugar á aplicación deste criterio e asignaránselles ás demais provincias todas as vogalías.

Para estes efectos considerarase como provincia de referencia para cada entidade a correspondente ao domicilio social indicado no impreso de solicitude de candidatura (anexo I), a cal debe coincidir cos datos que figuren no RUEPSS ou, de ser o caso, nos estatutos da entidade. De existir discrepancia entre os datos, prevalecerán os que figuren no RUEPSS, ou, de ser o caso, nos estatutos da entidade.

Artigo 9. Designación das entidades a que corresponden as vogalías no Consello Galego das Mulleres

Unha vez rematado o proceso de votación e o reconto definitivo de votos, a Secretaría Xeral da Igualdade ditará resolución, no prazo máximo de tres meses, que proclame as 15 entidades que resultaron elixidas para exerceren as vogalías que lles corresponden no Consello Galego das Mulleres.

A antedita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e as entidades seleccionadas terán un prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, para lle comunicar á Secretaría Xeral da Igualdade a persoa ou persoas que representarán a entidade no Consello Galego das Mulleres e tamén a quen, de ser o caso, as poida substituír. Esta comunicación realizarase de conformidade cos termos establecidos e segundo o modelo normalizado que se estableza na mesma resolución.

No caso de que algunha entidade non comunique estes datos no prazo e conforme o procedemento establecidos, decaerá no seu dereito a ser representada no Consello Galego das Mulleres, agás causa de forza maior apreciada pola Secretaría Xeral da Igualdade, e realizarase unha nova asignación de vogalías, de conformidade co establecido nos artigos precedentes.

Unha vez realizada a comunicación coas persoas integrantes do Consello Galego das Mulleres por parte das entidades a que se refire esta orde, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web a composición total do Consello.

Artigo 10. Comisión de Seguimento

Para o seguimento do proceso electoral previsto nesta orde constituirase na Secretaría Xeral da Igualdade unha comisión de seguimento que estará integrada por tres funcionarios/as, designados/as pola persoa titular da dita secretaría, procurando acadar unha composición equilibrada por razón de xénero.

A Comisión de Seguimento velará en todo momento pola transparencia de todo o proceso de elección así como pola súa suxeición ás bases establecidas e ao resto do ordenamento xurídico. Para tal fin, exercerá as funcións que lle atribúe esta orde e, en particular:

a) Resolverá todas as dúbidas que formulen as asociacións e organizacións de mulleres ao longo de todo o proceso.

b) Procederá ao reconto de adhesións de cada papeleta, resolverá sobre as que resulten nulas e aplicará os criterios necesarios no caso de desempate, así como para asegurar unha axeitada representación territorial.

c) Redactará a acta co resultado da elección.

Artigo 11. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas de conformidade coa Lei 30/1992, poderán interpoñerse, por parte dos/as interesados/as, recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto ou, alternativamente, recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade ditará as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento adecuado e o cumprimento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file