Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Venres, 30 de agosto de 2013 Páx. 34610

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 26 de agosto de 2013 pola que se declara, de xeito provisional, como espazo natural de interese local o Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte no concello de Vigo (Pontevedra).

O Concello de Vigo propúxolle á consellería con competencias en materia de conservación da natureza, a declaración como espazo natural de interese local (ENIL en diante) do lugar denominado Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte no termo municipal de Vigo (Pontevedra). O concello acompañou á súa solicitude dunha memoria e mais o Acordo do concello. A memoria cumpre e axústase ao establecido no artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, e o Acordo do concello, do 2 de decembro de 2008, contén o compromiso formal de poñer en práctica as medidas de conservación e elaborar o plan de conservación.

Na tramitación do expediente observáronse as normas establecidas no artigo 17 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 258, do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 16, do 19 de xaneiro, e BOE nº 30, do 4 de febreiro) (LRXAP-PAC) e o Decreto 124/2005, do 6 de maio, que regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece o ENIL como unha das categorías nas que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que, por petición do concello e logo de informe da consellería con competencias en política territorial e urbanismo, a consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderá declarar como ENIL aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas seus singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun ENIL é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun ENIL non leva consigo a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería con competencias en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un ENIL por un prazo non superior a dous anos, debendo presentar dentro deste prazo os promotores, como requisito imprescindible para a declaración do ENIL, o plan de conservación deste espazo.

Na tramitación emitiron informes o Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes e a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar; non tendo que notificar o procedemento a ningún interesado (artigo 58 da Lei 30/1992 do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común) na declaración deste espazo natural, ao non ter constancia destes.

Dos informes recibidos resulta que:

– O espazo é merecente da protección dos seus valores naturais, conforme se desprende do informe preceptivo do 13.4.2012, do Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra, pola presencia de hábitats de interese natural e de especies asociadas a estes.

– O informe favorable do 1.6.2012, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes certifica que a zona de declaración non afecta ningún monte veciñal en man común, nin contén características forestais relevantes.

– O informe preceptivo da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 17.1.2012, pon de manifesto que o ámbito da zona de declaración que figura na memoria está asociado a solos coa condición de solo rústico de protección de costas, contida no Plan xeral de ordenación municipal de Vigo, e incluídos no dominio público marítimo terrestre. Por outra banda, e de acordo co Plan de ordenación do litoral de Galicia (Decreto 20/2011, do 10 de febreiro) resultan uns usos e actividades permitidas, quedando unicamente prohibido calquera aproveitamento na duna.

– O informe da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños, rexistrado o 2.3.2012, fai as seguintes consideracións que serán tidas en conta na planificación e xestión do espazo:

1. A zona está autorizada para a produción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños.

2. A zona está clasificada coma zona B (Gal 11/04-regulamentos 852/2004, 853/2004, 854/2004) polo que se deberán respectar os criterios sectoriais de calidade das augas.

3. Calquera medida de xestión deberá considerar a actividade marisqueira ou pesqueira, e serán consensuadas co sector afectado e coa Dirección Xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños

– O informe da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, rexistrado o 6.6.2012, non pon impedimentos á declaración do ENIL, referindo non obstante, que deberán respectarse os preceptos recollidos na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costa, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro.

De igual xeito, con data do 5 de novembro de 2012, publicouse no DOG nº 210 a Resolución do 17 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública a proposta de declaración de espazo natural de interese local da zona denominada Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, pertencente ao concello de Vigo (Pontevedra).

A presente orde ten por obxecto declarar, de xeito provisional, o lugar de Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, no concello de Vigo, como ENIL, unha vez constatadas as singularidades que presenta e que o fan merecente da protección dos seus valores naturais.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Proposta de declaración provisional

Declárase, provisionalmente e por un prazo máximo de dous anos, como espazo natural de interese local o espazo Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, no termo municipal de Vigo, por proposta do Concello de Vigo (Pontevedra).

Artigo 2. Plan de conservación

Durante o prazo da declaración provisional de Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como ENIL e como requisito imprescindible para que se produza a súa declaración definitiva como espazo natural protexido, o Concello de Vigo deberá de achegar á consellería con competencia en materia de conservación da natureza o Plan de conservación deste espazo.

O Plan de conservación que se elabore deberá ter en conta as consideracións feitas pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, e a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión de Recursos Mariños, recollidas na parte expositiva desta orde. Deste xeito, considerarase a normativa anteriormente referida.

No caso de que o Concello de Vigo non achegue o Plan de conservación do espazo natural Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte no prazo sinalado, teráselle por desistido da súa solicitude de declaración, producíndose desde ese momento a extinción dos efectos da declaración provisional como ENIL.

Artigo 3. Límites

A extensión e límites do espazo natural de interese local Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, coas súas coordenadas debidamente xeoreferenciadas, son os sinalados no anexo desta orde.

Artigo 4. Réxime de protección preventiva

A declaración provisional do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte levará consigo a aplicación do réxime de protección preventiva recollido no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Os aproveitamentos e os usos dos bens e recursos incluídos dentro do ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte levaranse a cabo de maneira que resulten compatibles coa conservación dos valores que motivaron a súa declaración.

Artigo 5. Xestión

1. Será responsabilidade e competencia do Concello de Vigo a xestión do espazo natural Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte.

2. O concello comprométese a consignar con cargo aos orzamentos xerais municipais de cada ano, as cantidades necesarias para garantir a conservación do espazo e acometer as medidas de xestión necesarias.

Artigo 6. Efectos

1. A declaración provisional do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como ENIL non leva aparellada a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

2. A declaración provisional do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como ENIL non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. A zona obxecto desa declaración contén terreos clasificados como dominio público marítimo terrestre. A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

Artigo 7. Extinción

1. Mediante orde do conselleiro con competencias en materia de conservación da natureza poderase poñer fin para os efectos da declaración provisional do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como ENIL se desaparecesen as causas que motivaron a protección deste espazo e non fosen susceptibles de recuperación ou restauración.

2. Tamén se producirá a extinción dos efectos da declaración provisional do Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte como ENIL no suposto recollido no punto segundo desta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO
Límites do espazo natural protexido

missing image file