Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 28 de agosto de 2013 Páx. 34434

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2013 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos.

1. Julio Gómez Rodríguez, vicepresidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 23 de abril de 2013 ante o notario José Antonio Rodríguez González, co número de protocolo 604, pola Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime), representada polo seu presidente Julio Gómez Rodríguez.

Esta escritura foi complementada por outra, outorgada tamén en Vigo (Pontevedra) o 7 de xuño de 2013, ante o mesmo notario, co número de protocolo 893.

3. A Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia ten por obxecto, segundo establece o artigo 3 dos seus estatutos, a promoción e o desenvolvemento do sector metalúrxico galego para acadar un maior nivel de competitividade, innovación e investigación de todo o sector.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, o obxecto e a finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficios e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Alberto Fernández Lozano como presidente; Julio Gómez Rodríguez como vicepresidente; Cándido González Lorenzo como secretario; Justo Sierra Rey e Rosalino López Castro como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico da Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Economía e Industria.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 15 de xullo de 2013 clasificouse como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia e adscribiuse á Consellería de Economía e Industria para efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto, 227/2012, do 2 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, correspóndelle a Consellería de Economía e Industria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego; e no Decreto 14/2006, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria, da Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia, polo que

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Clúster Metalúrgico de Galicia.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as abrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercicio pola Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución pode interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas o do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2013

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria