Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 27 de agosto de 2013 Páx. 34360

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2013, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se establece un período de veda na ría de Vigo para a captura do choco.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, de pesca de Galicia nos indica, no artigo 6.1, que a política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa conservación e xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, terá como obxectivo «o establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos».

Ademais, co fin de asegurar os obxectivos recollidos na lei, establece que lle corresponde á consellaría competente en materia de pesca, logo de audiencia do sector afectado, o «establecemento de vedas temporais ou zonas para determinadas especies así como dos fondos autorizados», artigo 7.2.h).

O Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 50.3 que «as embarcacións menores de 2,5 TRB ou 1,75 GT poderán utilizar trasmallos por dentro do anexo III a unha distancia mínima de 100 metros da costa ou a unha profundidade mínima de 5 metros, no período comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de abril, salvo o período en que se decrete a veda temporal dalgunha especie ou zona».

Por outra banda, diversos plans inciden na captura desta especie, tal é o caso de:

• A Resolución do 18 de decembro de 2012, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se autoriza o plan experimental de pesca con tramallos para as confrarías de pescadores da ría de Vigo para o ano 2013.

• A Resolución do 25 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se autoriza o plan experimental de pesca con tramallos, con cambio de horario, para as confrarías de pescadores da ría de Pontevedra, prorrogado o 9 de maio deste mesmo ano.

• A Resolución do 28 de xaneiro de 2013, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se autoriza o plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores das rías de Arousa, Ferrol e Vigo.

Examinados os informes técnicos correspondentes, onde se constata que a partir do mes de xuño a porcentaxe de individuos xuvenís capturados increméntase nun 80 % respecto a meses anteriores, nos que se recomenda limitar o emprego das diferentes artes de pesca nas zonas máis interiores das rías (por dentro do anexo III), e consultado o sector na zona, esta secretaría xeral

RESOLVE:

Establecer unha veda para a pesca do choco na ría de Vigo, por dentro das liñas de referencia do anexo III que aparecen reflectidas no citado Decreto 15/2011, desde o 20 de agosto de 2013 ata o 31 de outubro de 2013.

Así mesmo, queda prohibida a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie con calquera das artes incluídas no devandito Decreto 15/2011. As capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar.

Do mesmo xeito, esta veda inclúe tamén á pesca marítima de recreo segundo a Lei 11/2008, do 3 de decembro, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, de pesca de Galicia que, establece no seu artigo 26.1 «Seranlle aplicables á pesca marítima de recreo as medidas de protección e conservación dos recursos pesqueiros establecidas para a pesca marítima profesional».

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2013

Juan Carlos Maneiro Cadillo
Secretario xeral do Mar