Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 27 de agosto de 2013 Páx. 34358

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 26 de agosto de 2013 pola que se modifica a Orde do 8 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública.

A Orde do 8 de xullo de 2013, sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, publicada no Diario Oficial de Galicia do 18 de xullo, establecía, en aplicación do principio de eficacia no desenvolvemento da actividade administrativa, unha serie de competencias que a conselleira de Facenda delegaba no titular da Dirección Xeral da Función Pública, dentro do ámbito de actuación desta última.

No artigo 1.g) da citada orde delegábase a resolución da xubilación dos funcionarios públicos, excepto a resolución da prolongación da permanencia no servizo activo, suposto regulado no artigo 49 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo. Nestes momentos considérase necesario definir con maior claridade o contido desta excepción, que pretende referirse unicamente ás resolucións estimatorias, polo que procede modificar a redacción do parágrafo citado.

Polo tanto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase a alínea g) do artigo 1 da Orde da Consellería de Facenda do 8 de xullo de 2013, sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, que queda redactada como segue:

«g) A resolución de xubilación, segundo os artigos 49 e 50 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais normas concordantes. Non se inclúe na delegación a resolución pola que se conceda a prolongación da permanencia na situación de servizo activo».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2013

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda