Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 26 de agosto de 2013 Páx. 34056

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 9 de agosto de 2013 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Pastoriza (Lugo).

O Concello da Pastoriza eleva, para a súa aprobación definitiva, o Plan xeral de ordenación municipal, de conformidade co previsto no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

I. Antecedentes.

O Concello da Pastoriza carece actualmente de instrumento de planeamento xeral, dispón dunha delimitación de solo urbano da Pastoriza, Bretoña e Reigosa, aprobada o 17.4.1978.

Constan os seguintes proxectos sectoriais de incidencia municipal:

– Liñas de alta tensión: 132 kV Mondoñedo-Meira, tramo II da LAT a 132 kV A Farrapa-Mondoñedo e modificación da actual LAT a 132 KV Mondoñedo-Vilalba (AD 02/02/06).

– Parques eólicos: Farrapa I (fase I) (AD 29/03/07); Pousadoiro-Fonseca fase I
(AD 04/10/07); Parque Eólico Alto do Seixal (Farrapa I fase II) (AD 28/05/09).

II. Tramitación.

1. Con data do 7.2.2005 emitiuse un informe previo á aprobación inicial do PXOM, de acordo co previsto no artigo 85.1 da LOUG.

2. O Pleno do Concello da Pastoriza do 17.6.2006 aprobou inicialmente o PXOM e someteuno á información pública por dous meses mediante anuncios nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia do 8 de xullo e no DOG do 13 de xullo de 2006.

3. Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

– Da Subdirección Xeral de Estradas da CPTOPT con datas do 21.8.2006, 7.2.2007 e 18.11.2008.

– Da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias con data do 17.10.2006.

– Da Consellería de Cultura con datas do 3.11.2006, 26.2.2009 e 18.12.2009.

– Da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do 6.11.2006 e 3.11.2008.

– Da Deputación Provincial de Lugo con data do 27.11.2006.

– Da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible con data do 1.3.2007.

– Da Confederación Hidrográfica do Norte con datas do 4.4.2008 e 21.1.2009.

– Da Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Industria do 26.6.2008.

– Da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda con data do 27.2.2009.

– Informe de Augas de Galicia do 24.8.2009.

– Do arquitecto técnico da Mancomunidade da Terra Chá do 8.4.2010.

– Informe xurídico do 9.4.2010.

– Resolución do 15.2.2011, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se declara a inviabilidade do sometemento do PXOM ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

– Informes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural con datas do 1.8.2011 e 19.8.2011.

– Informe da Dirección Xeral de Montes do 21.9.2011.

– Informe da xefa do Servizo de Enerxía e Minas do 18.10.2011.

4. Con data do 17.4.2010 o Pleno do Concello aproba provisionalmente o PXOM.

5. Por Orde da CMATI do 27 de decembro de 2011 resolveuse sobre a non aprobación do Plan xeral de ordenación municipal da Pastoriza.

6. Unha vez modificado o documento, en cumprimento das deficiencias sinaladas na orde de non aprobación, consta a emisión de informes municipais favorables, do arquitecto técnico con data do 11.4.2013 e da Secretaría Municipal con data do 16.4.2013.

7. Con data do 20.4.2013 o Pleno do Concello procede a unha segunda aprobación provisional do PXOM.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar o PXOM do Concello da Pastoriza, aprobado provisionalmente o 20.4.2013, respecto e para os efectos da comprobación da emenda das deficiencias sinaladas na Orde do 27 de decembro de 2011; e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, observouse:

III.1. Capacidade residencial do plan.

A poboación actual da Pastoriza acada os 3.437 habitantes (datos do INE 2011), con tendencia demográfica regresiva, e contabilízanse 1.613 vivendas. A capacidade residencial do plan xeral equivale a unhas 3.144 vivendas.

Considerando os índices correctores da materialización da capacidade residencial no solo de núcleo rural e que, desde o documento que foi obxecto da orde de non aprobar do 27.12.2011, se produciu unha notable redución dos solos urbanizables residenciais, enténdese que a capacidade residencial proposta é aceptable por razóns de ordenación, xa que os urbanizables do núcleo da Pastoriza (SUB-4 e SUB-5) e do núcleo de Bretoña (SUND-1) se encamiñan a pechar a malla urbana.

III.2. Estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións urbanísticas.

Acredítase o cumprimento dos estándares sinalados no artigo 47.1.

III.3. Solo urbano.

Acredítase a suficiencia de dotación de servizos e inclusión na malla urbana dos terreos de Reigosa e de Bretoña.

III.4. Solo de núcleo rural.

Considéranse emendadas as deficiencias sinaladas para o solo de núcleo rural, agás que os terreos da antiga área de expansión do núcleo rural do Bellagal (NR-148) están nunha cunca visual (plano I-5) polo que, conforme o establecido na orde e no artigo 32.2 LOUG, deben ser clasificados como solo rústico de especial protección paisaxística.

III.5. Solo urbanizable.

Considéranse emendadas as deficiencias sinaladas nos termos da epígrafe III.1 anterior.

III.6. Solo rústico.

Considéranse acreditadas as cuestións relativas ao solo rústico.

III.7. Estratexia de actuación e estudo económico.

Considéranse acreditadas as cuestións sinaladas na orde.

III.8. Normativa e regulación.

Considéranse emendadas as deficiencias sinaladas para a normativa agás canto:

• Ao punto 3.6.23.3 da normativa, deberase respectar o disposto no artigo 103.2. da LOUG en canto ao mantemento do uso preexistente nas edificacións en situación de fóra de ordenación total.

• Aos prazos de execución do planeamento dos ámbitos SUNC-1, SUNC-2 e SUNC-3, que deberán axustarse ao establecido nas fichas individualizadas.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Pastoriza, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, con estrita suxeición ás observacións sinaladas nas epígrafes III.4 e III.8 do corpo desta orde.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Pastoriza, 9 de agosto de 2013

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas