Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Xoves, 8 de agosto de 2013 Páx. 32127

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se fai público o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque de tecnoloxía alimentaria de Mougás-Oia (Pontevedra), promovido por Insuíña.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta secretaría xeral técnica acordou facer público no Diario Oficial de Galicia o contido normativo do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque de tecnoloxía alimentaria de Mougás-Oia (Pontevedra), aprobado polo Consello da Xunta o 30 de xullo de 2009, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar o proxecto sectorial de incidencia supramunicial do parque de tecnoloxía alimentaria de Mougás, Oia-Pontevedra, documento refundido de acordo co Plan galego de acuicultura e informe previo á aprobación definitiva do 21.7.2009. Xullo 2009 promovido por Insuíña, S.L., para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional 2ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado «parque de tecnoloxía alimentaria de Mougás-Oia (Pontevedra)» e acórdase a publicación na páxina web da consellería do texto completo do antedito proxecto na seguinte ligazón:

http://www.medioruralemar.xunta.es/nc/institucional/normativa/mar/acuicultura/?j=1

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2013

Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial do parque de tecnoloxía
alimentaria de Mougás-Oia (Pontevedra)

– Execución por fases.

A ampliación, da que é obxecto o presente proxecto, dividiuse en dúas fases:

– Fase I: implicaría a adquisición inmediata de 4.368 m2 de terreo co fin de adscribir proporcionalmente os terreos de parcela bruta á edificación existente. A situación e contía de terreo que se adquiriría descríbese no correspondente plan do presente proxecto.

– Fase II: implicaría a construción das instalacións con adquisicións de terreo adicionais ás conseguidas na fase I; tanto a alimentación con auga de mar coma o drenaxe da auga das piscinas realizaríase a través da captación e da evacuación, respectivamente, xa existentes na actualidade, cumprindo co requirimento do plan sectorial de que cada parque conte cunha única captación e evacuación. Esta segunda fase organizouse con base en criterios de minimización de impactos visuais e ambientais, integración na contorna e adecuada conexión co funcionamento das instalacións actuais.

– Adaptación por analoxía aos parámetros do artigo 42 da Lei 9/2002 e a súa modificación pola Lei 15/2004,

Xustificación do acceso rodado público adecuado á implantación e resolución do abastecemento de auga, a evacuación e tratamento de augas residuais, a subministración de enerxía eléctrica, a recolleita, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos, por medios individuais ou mediante conexión ás redes existentes, e á previsión de aparcadoiros suficientes; se é o caso, medidas previstas para corrixir as repercusións que produza a implantación na capacidade e funcionalidade das redes de servizos e infraestruturas existentes e custo estimado para a implantación ou reforzo destes servizos (art. 42.1.a).

– Acceso viario.

O ámbito da actuación conta cun acceso rodado desde a estrada autonómica PO-552, que está sinalado no planeamento municipal, e foi suficiente durante todos estes anos, xa que o tráfico comercial xerado pola planta actual é dun vehículo pesado de media ao día e o será igualmente para a ampliación que aumentase a dous vehículos pesados día, fronte a unha IMD próxima a 250 vehículos pesados da estrada en que se entronca o acceso, polo que se incorporarán de 1 a 2 vehículos pesados/día que representan o 0,80 % da IMD de vehículos pesados da estrada PO-552.

– Abastecemento de auga.

As instalacións actuais abastécense de captacións subterráneas, con caudal suficiente para a subministración de auga dos servizos hixiénicos dos 50 postos de traballo previstos.

– Saneamento.

a) Residuais.

Para o tratamento das augas residuais producidas construirase una pequena depuradora enterrada das seguintes características:

Tratamento mediante decantador-dixestor con filtro biolóxico, cunha o capacidade de 15 m3, diámetro de 2 m, e unha lonxitude de 5,25 m.

O decantador-dixestor realiza a sedimentación primaria e a dixestión de lodos. O filtro biolóxico é a zona onde ten lugar o tratamento de oxidación biolóxica de materia orgánica, a partir de microorganismos e cun fornecemento de oxíxeno realizado mediante tiro natural ou extracción forzada segundo os casos. O filtro biolóxico componse dun material de recheo plástico de alto rendemento que proporciona unha maior efectividade no proceso e menores problemas de mantemento que o recheo mineral, instalándose unha arqueta sifónica previa ao equipo decantador dixestor.

Anualmente, procederase ao baleiramento dos primeiros compartimentos nas súas tres cuartas partes e volverase a encher de auga. O terceiro compartimento limparase con auga a presión inxectada pola boca de aireación.

b) Pluviais.

Desde a zona edificada evacuaranse directamente ao mar repartidas en distintos puntos.

– Subministración de enerxía eléctrica.

As instalacións actuais dispoñen dunha rede con capacidade de subministración para 1.500 kW e, ademais, conta cunha planta de coxeración de 750 kW.

Esta capacidade de subministración resulta suficiente para a ampliación prevista.

– Residuos sólidos urbanos.

O Concello de Oia dispón dun servizo de recolleita de residuos sólidos urbanos que funciona a diario e está integrado no Plan de xestión de Galicia, polo que os residuos son trasladados á ecoplanta de transferencia no Rosal e de alí á planta de Sogama en Cerceda.

En consecuencia, non haberá ningún problema para a recolleita dos residuos sólidos urbanos que produza a actividade do parque.

– Aparcadoiros.

Dado o uso previsto, pola experiencia na explotación deste tipo de instalacións e a referencia do establecido na Lei 15/2004, de modificación da Lei 9/2002, establécese unha reserva de 1 praza por cada 200 m2 de edificación.

Como a edificación prevista é de 16.662,86 m2, resultan necesarias 84 prazas, das cales 74 sitúanse en aparcadoiro específico e o resto na explanación de expedición, polo que se cumpre a reserva exixida.

– Medidas correctoras (art. 42.1.b).

Necesarias para minimizar a incidencia da actividade solicitada sobre o territorio, así como todas aquelas medidas, condicións ou limitacións tendentes a conseguir a menor ocupación territorial e a mellor protección da paisaxe, dos recursos produtivos e do medio natural, así como a preservación do patrimonio cultural e da singularidade e tipoloxía arquitectónica da zona.

Estas medidas correctoras sinálanse no estudo de impacto ambiental e nas condicións que a seguir se establecen e así se recollen nas correspondentes ordenanzas, do presente proxecto.

– Condicións de edificación (art. 42.1.c).

• N° de plantas e altura: unha planta e 3,50 m de altura máxima medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante do terreo ao arranque inferior da vertente da cuberta.

• Pechamentos e valados: serán preferentemente vexetais, sen que o realizado con material opaco de fábrica supere a altura de 1 m. En todo caso, débense realizar con materiais tradicionais do medio rural en que se localizan, sen que se permita o emprego de bloques de formigón ou doutros materiais de fábrica.

• Características tipolóxicas, estéticas e construtivas:

* Cubertas: formadas por planos continuos, sen crebas nas súas vertentes, con chapa galvanizada prelacada, poliéster etc. ou outro material xustificado pola calidade arquitectónica do proxecto.

* Fachadas: de materiais xustificados pola calidade arquitectónica do proxecto, con cores e acabamentos que sexan acordes cos valores naturais e a paisaxe da contorna.

* Estrutura: prefabricada metálica e/ou de formigón, que resulte fácilmente desmontable.

– Condicións de posición e implantación (art. 42.1.d).

• Recuamentos a lindeiros: mínimo 5 m.

• Situación: lugar máis apropiado para conseguir a preservación das vistas panorámicas do mar, o mínimo impacto visual e de alteración da topografía, recorrendo a socalcos cando as explanacións resulten dunha largura superior a 60 m.

– Conclusión.

Da comparación da descrición xeral das obras e instalacións, con estes condicionantes, dedúcese que se adaptan a eles.

– Resumo de características.

• Superficie do ámbito: 57.000 m2 (todo incluído en solo rústico de protección de costas).

• Superficie edificable en planta: 16.580,03 m2.

• Superficie mínima de zona que se mantendrá inalterada, incluída no solo rústico de protección de costas: 19.153,46 m2 {33,60 > 33,33 % mínimo a respectar).

• Prazas de aparcadoiro: 90.

– Proteccións e afeccións urbanísticas e ambientais e medidas de corrección e minimización de impactos.

• Proteccións e afeccións urbanísticas.

Os terreos do ámbito da actuación están clasificados polo planeamento vixente como solo rústico sen especial protección e nos 100 primeiros metros do D.P.M.T, de protección de costas, que por aplicación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, o rústico sen especial protección cambia a protección de costas, ao quedar dentro da franxa de 200 m.

• Proteccións ambientais.

Non existen afeccións ambientais, por figuras de protección aplicables á zona.

– Medidas de corrección e minimización de impactos.

• Urbanísticas.

As medidas de corrección e minimización da actuación urbanística sinálanse na memoria descritiva e nas ordenanzas do capítulo que regula detalladamente o uso pormenorizado.

• Ambientais.

As afecciones ambientais e a súa corrección e minimización descríbense e propóñense no estudo de impacto ambiental, que se inclúe como documento anexo ao presente proxecto sectorial e cuxa declaración foi formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 3 de abril de 2009, achegándose como anexo ao presente proxecto.

É de destacar que, realizado o mapa de ruídos da zona (anexo nº 1), os producidos polas instalacións actuais e futuras se confunden cos xerados polo mar no seu estado normal de axitación e polo tráfico da estrada PO-552.

– Incidencia arqueolóxica.

Realizada a campaña intensiva de prospección arqueolóxica que se achega como anexo nº 2, non se atoparon motivos para establecer medidas de cautela.

– Avaliación sobre o medio socioeconómico de Oia e ampliación da planta de acuicultura.

Achégase como anexo nº 3 a avaliación sobre o medio socioeconómico de Oia da ampliación da planta de acuicultura, realizada en maio de 2005 por Sondaxe, cuxas conclusións son claramente favorables á ampliación da planta.

– Xustificación do cumprimento das normas de aplicación directa contidas nos artigos 104 e 106 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e a súa modificación pola Lei 15/2004.

– Artigo 104. Adaptación ao ambiente

Coa ordenación proposta do ámbito do presente proxecto sectorial, a situación, área ou altura das construcións, muros e pechamentos e demais instalacións non limitan o campo visual para contemplar o mar desde a estrada.

Coas condicións de edificación, de posición e de implantación tampouco se rompe a harmonía da paisaxe, ao resultar unha tipoloxía de construcións congruentes coas características da contorna, con cores que favorecen a integración nela e na paisaxe.

Dado que na contorna non existen tipoloxías edificatorias similares ás que se proxectan, adoptouse un sistema construtivo a base de estrutura metálica lixeira, facilmente desmontable, recuberta de sandwich de chapa galvanizada, prelacada de cor verde, por consideralo o máis congruente coa contorna natural.

Así pois, resáltase que todas as naves onde se sitúan as diferentes piscinas teñen o carácter de desmontables.

Así mesmo, as edificacións de dúas plantas, unha destinada a edificio administrativo de 82 m2 por planta, outra ao grupo de coxeración de 25 m2, e as primeiras instalacións que se construíron a principios da década dos 90, cuxa licenza de apertura, concedida o 29 de outubro de 1993, xustifica que desde entón esas instalacións sexan as que hai que considerar como contorna inmediata e como integrantes da paisaxe.

Para unha maior comprensión das obras proxectadas, inclúese un perfil lonxitudinal das explanacións sucesivas en escaleira que responden ao obxectivo de conseguir a superficie de piscinas necesarias, sen exceder o 33 % da ocupación da superficie do ámbito.

Finalmente, como máis destacado da ordenación proposta debe sinalarse que dunha fronte de 570 m do ámbito á estrada comarcal PO-552 máis do 60 % quedará libre de edificacións.

– Artigo 106. Protección das vías de circulación

Para o desenvolvemento das obras previstas no presente proxecto sectorial non é necesario realizar novas vías de circulación, por existir xa o acceso que, ademais de estar sinalado no planeamento urbanístico, se recolle no presente proxecto sectorial, que será dotado dun piso flexible, adecuado para o tráfico de camións xerado polo parque.

Para cumprir a Lei 4/1994, de estradas de Galicia, o pechamento do ámbito na súa fronte con edificacións á estrada construirase con vexetación ornamental de baixo porte e situarase na beira da zona de dominio público, sen limitar o campo visual, coa liña de edificación, a máis de 12 m da aresta da explanación.

En función diso, e de acordo co informe da Dirección Xeral de Infraestruturas do 17 de xullo de 2009, corrixiuse o plano nº 8 ampliando o recuamento dos aparcadoiros a 12 m da aresta de explanación e sinalizando a prohibición na saída da zona dos xiros á esquerda.

Así mesmo, e de acordo co citado informe, o proxecto de execución das obras previstas deberá adaptar o acceso á estrada PO-552 á instrución de accesos nas estradas convencionais de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

As edificacións previstas para o parque de Mougás dan fronte á PO-552 e contan cun acceso propio desde esta, que será mellorado no seu trazado e dotado dun piso flexible, adecuado para o tráfico de camións xerado polo parque.

– Análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente.

O plan de Oia vixente son as Normas subsidiarias do plan aprobadas definitivamente o 14 de marzo de 1996.

Actualmente está en tramitación un novo plan xeral de ordenación municipal, que ratifica a idoneidade e continuidade das instalacións de Mougás.

O ámbito do proxecto sectorial está clasificado como solo non urbanizable sen especial protección e de protección de costas, sendo de aplicación, en virtude da disposición transitoria primeira 1 “f” da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia (LOUG), non modificada pola Lei 15/2004, o réxime de solo rústico previsto nela.

Xa que logo, debe partirse do condicionante derivado pola Lei 9/2002 e a súa modificación pola Lei 15/2004, establecendo a franxa de 200 m desde a liña de deslindamento, como solo rústico de protección de costas, ao ser esa categoría de todas as categorías en que está inmerso o ámbito a que outorga maior protección.

En consecuencia, dada a discrepancia do plan urbanístico vixente co requirido para poder desenvolver o parque de tecnoloxía alimentaria de Mougás, resulta necesario adecuar a actual normativa urbanística municipal ao previsto no presente proxecto sectorial.

– Regulación detallada do uso pormenorizado.

O parque acuícola, sería un uso compatible coa protección de costas, autorizable segundo o artigo 38.2 da lei citada, seguindo o procedemento do artigo 41, pero ao incluírse o seu ámbito no Plan sectorial galego de acuicultura na costa galega, debe desenvolverse mediante a figura do proxecto sectorial.

De acordo con este artigo, o parque acuícola será un uso autorizable, a través do correspondente proxecto sectorial, pero sen seguir o procedemento do artigo 41, senón aplicando o artigo 34.4, é dicir, obtención de licenza municipal directa, una vez aprobado defínitivamente o proxecto sectorial, á marxe de cando o concello inicie o expediente de modificación ou revisión do plan vixente.

Así pois, o réxime urbanístico que se aplicará aos terreos onde se desenvolve o parque acuícola será:

Solo rústico de protección de costas.

1) Definición:

Constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano que se atopan a unha distancia inferior a 200 m do límite interior da ribeira do mar.

2) Usos:

a) Permitidos por licenza municipal: os relacionados no número 1, letras b) e c), no número 2, letra f) e i), do artigo 33 da Lei 9/2002, coa súa modificación pola Lei 15/2004, sendo necesario para os demais contar coa correspondente autorización autonómica.

b) Autorizables pola comunidade autónoma: os relacionados no número 1, letra a) e no número 2, letras e) e 1), do artigo 33 da Lei 9/2202, modificada pola Lei 15/2004, así como as actividades vinculadas directamente coa conservación, utilización e goce do dominio público, do medio natural e do patrimonio cultural, e os que poidan establecerse a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non signifiquen a transformación da súa natureza rústica e quede garantida a integridade dos valores obxecto de protección.

No solo rústico de protección de costas e de protección de augas, ademais dos usos anteriormente indicados poderán autorizarse especificamente as construcións e instalacións necesarias para actividades de talasoterapia, augas termais, sistemas de depuración de augas, estaleiros e instalacións mínimas necesarias para a práctica dos deportes náuticos.

c) Prohibidos: todos os demais, especialmente os usos residenciais e industriais.

3) Proxectos sectoriais:

Instrumentos de ordenación do territorio que viabilizan construcións e instalacións de aproveitamento racional dos recursos naturais vinculados directamente á utilización do dominio público, como as destinadas a establecementos de acuicultura.

4) Condicións de uso e licenzas:

Xerais:

Os usos citados, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Segundo o previsto no apartado 3 do artigo 14 do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia, no proxecto técnico de execución das obras do parque acuícola deberá incluírse unha memoria urbanística como documento específico e independente, no cal se indicará a finalidade e o uso da actuación proxectada, razoándose a súa adecuación á ordenación vixente, consecuencia da aprobación do proxecto sectorial, que o clasifica e cualifica de solo rústico de protección de costas.

A separata da memoria urbanística acompañarase dun plano de situación á escala 1/10.000 e demais información gráfica que sexa precisa para indicar a clasificación e cualificación do solo obxecto da actuación e da normativa e ordenanza aplicables.

Particulares:

No parque de Mougás o uso permitido será unicamente o de construcións e instalacións destinadas a establecementos de acuicultura.

5) Condicións de edificación:

Xerais:

• N° de plantas e altura: unha planta e 3,50 m de altura máxima medidos no centro de todas as fachadas, desde a rasante do terreo ao arranque inferior da vertente da cuberta.

• Pechamentos e valados: serán preferentemente vexetais, sen que o realizado con material opaco de fábrica supere a altura de 1 m. En todo caso, débense realizar con materiais tradicionais do medio rural en que se localizan sin que se permita o emprego de bloques de formigón ou doutros materiais de fábrica.

• Características tipolóxicas, estéticas e construtivas:

* Cubertas: formadas por planos continuos, sen crebas nas súas vertentes, con chapa galvanizada prelacada, poliéster etc. ou outro material xustificado pola calidade arquitectónica do proxecto.

* Fachadas: de materiais xustificados pola calidade arquitectónica do proxecto, con cores e acabamentos que sexan acordes cos valores naturais e a paisaxe da contorna.

* Estrutura: prefabricada metálica e/ou de formigón que resulte facilmente desmontable.

Particulares:

As que se sinalan nas ordenanzas.

6) Condicións estéticas:

• Recuamentos a lindeiros: mínimo 5 m.

• Situación: lugar máis apropiado para conseguir a preservación das vistas panorámicas do mar, o mínimo impacto visual, e de alteración da topografía, recorrendo a socalcos cando as explanacións resulten dunha largura superior a 60 m.

7) Condicións de servizos:

Seguindo os criterios previstos no artigo 42 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da instalación deberá resolver á súa custa os servizos de:

• Acceso rodado.

• Abastecemento de auga.

• Saneamento e depuración.

• Enerxía eléctrica.

Así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

8) Acceso á estrada PO-552.

O acceso existente deberá adaptarse á Instrución de accesos ás estradas convencionais de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, e así o proxecto de execución da urbanización deberá conter «A correcta definición xeométrica, tanto en planta como en alzado, da conexión prevista, así como a correcta sinalización tanto horizontal como vertical, e deberá ser autorizado polo Servizo Provincial de Estradas de Pontevedra».

9) Ordenanzas:

Para efectos de cualificación e usos do solo, distínguense as seguintes ordenanzas:

1. Ordenanza zona de produción e servizos.

2. Ordenanza de infraestruturas e aparcadoiros.

3. Ordenanza de superficie inalterada.

4. Ordenanza xeral.

Ordenanza 1. Zona de produción e servizos.

Superficie: 33.149,54 m2 segundo se sinala nos planos de zonificación.

Usos: produción de alevíns e a súa preengorda, cultivos auxiliares, laboratorio, planta de coxeración, vestiarios, administrativos etc.

Altura: unha planta, cun máximo de 3,50 metros, coa excepción do edificio de dúas plantas: construído en 1994.

Así mesmo, excepcionalmente poderase exceder esta altura para a instalación de depósitos de oxigeno.

Ordenanza 2. Infraestruturas e aparcadoiros.

Usos: a instalación de todas as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da actividade principal: obras de captación e vertedura, canles, depósitos etc., incluído o acceso viario e os aparcadoiros.

Ordenanza 3. Superficie inalterada.

Superficie: 19.153,56 m2, segundo se sinala nos planos de zonificación.

Usos: manterase o ámbito no estado natural do terreo sen alteralo. Unicamente se permitirán as intervencións precisas para a revexetación e a conexión e construción das infraestruturas necesarias cun máximo de ocupación admisible do 1 %.

Ordenanza 4. Xeral.

Todas as construcións, edificacións e actuacións realizaranse buscando a maior adecuación co medio natural, procurando a integración cromática e de materiais.

As intervencións precisas en infraestruturas e conexións de servizo realizaranse de modo preferente enterradas.

– Eficacia.

As determinacións contidas no presente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

O municipio en que se asenten as actuacións obxecto do proxecto sectorial deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao seu contido nos prazos seguintes:

• Primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que, obviamente, pode ser expresamente para esta adecuación.

• Adaptación do planeamento á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a súa modificación pola Lei 15/2004.

– Innecesariede de autorización autonómica previa.

De acordo co sinalado no artigo 34.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, non necesitarán autorización autonómica previa as infraestruturas e instalacións previstas no presente proxecto sectorial, unha vez que se aprobe definitivamente, ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

– Declaración de utilidade pública das obras e instalacións previstas así como a necesidade de ocupación para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial.

De acordo co establecido na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, que modifica a disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 11.5 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do presente proxecto sectorial levará implícita a declaración de utilidade pública das obras e instalacións, así como a necesidade de ocupación, para efectos de expropiación, de todos os bens e dereitos afectados necesarios para a súa realización.

Polo que se achega como anexo nº 5 a relación e correspondente descrición física e xurídica individualizada dos bens e dereitos afectados.