Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Xoves, 8 de agosto de 2013 Páx. 32033

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural de Escornabois, na parroquia de Escornabois, concello de Trasmiras.

O Concello de Trasmiras remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural de Escornabois, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante, LOUG) solicitando a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Trasmiras non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada pola Lei 15/2004, e nel constan:

– O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 22, do 31.1.2013, e nos xornais La Región na data do 18.1.2013, e Faro de Vigo na data do 18.1.2013.

– Certificación do secretario municipal de data do 5.3.2013 no que se reflicte que no devandito período non se presentaron alegacións.

– Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo pleno do concello na súa sesión do 28.12.2012.

II. Consideracións e motivación.

Logo de analizar o expediente remitido polo concello e á vista do informe subscrito pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural de Escornabois segundo nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Da documentación remitida dedúcese que a ordenación aplicable corresponde coa relativa ao núcleo rural complexo, segunda tipoloxía dos tipos básicos de solo de núcleo rural establecidas pola LOUG no seu artigo 13.3, segundo redacción dada pola Lei 2/2010, do 25 de marzo, diferenciando ambos os dous tipos de solo de núcleo rural tradicional e rural común coas determinacións que para cadansúa delimitación e categoría establece o artigo 13.3.c), da LOUG, referidas ao grao de consolidación da edificación e demais determinacións do réxime aplicable.

O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo aquilo que non vulnere nin vaia contra o devandito réxime xurídico, o contido da ordenanza do «solo non urbanizable de núcleo rural» das vixentes normas provinciais complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

3. De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004), e a Orde do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

1. Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural complexo de Escornabois, na parroquia de Escornabois, concello de Trasmiras (Ourense).

2. Contra a presente resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file