Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Mércores, 7 de agosto de 2013 Páx. 32009

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Baleira

ANUNCIO da aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

A Corporación Municipal do Concello de Baleira (Lugo) na sesión plenaria ordinaria do 20 de xuño de 2013 acordou aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Baleira redactado por Senén Prieto Ingeniería, S.L.

De conformidade co previsto no artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 20 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUPMRG), o documento aprobado inicialmente, con todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, sométese a un período de consultas previstas no documento de referencia, elaborado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e ao trámite de información pública polo prazo de dous (2) meses, contados a partir do seguinte ao da publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de edictos do concello, no Boletín Oficial da provincia de Lugo, e nos xornais El Progreso de Lugo e La Voz de Galicia. Durante o mencionado prazo, a documentación poderá examinarse na casa do concello de Baleira (rúa Doctor Escobar, s/n) de luns a venres, das 8.30 ás 14.30 horas.

Durante o antedito prazo os interesados poderán formular as alegacións que consideren pertinentes para a defensa dos seus dereitos e intereses. A información pública tamén o será para os efectos da fase de consultas conforme o previsto no artigo 10.1.a) da Lei 9/2006, do 28 de abril, de avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, e no artigo 85.2 da Lei 9/2002 , que inclúe o informe de sustentabilidade ambiental.

Asemade, na referida sesión plenaria, acordouse, de acordo co disposto no artigo 77 da LOUPMRG, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento en que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente.

As áreas afectadas pola suspensión son as seguintes:

– Solo urbano do Cádavo. Suspensión parcial. Aplicarase a suspensión en todas aquelas zonas que entren en contradición coas determinacións do PXOM. Suspensión total naquelas zonas que se amplían ou se reducen. Nas zonas coincidentes aplicaranse as determinacións máis restritivas do PXOM. No expediente consta plano.

– Zonas verdes previstas polo plan. Suspéndense ao definirse estes ámbitos no PXOM.

– Solo de núcleo rural. Suspensión parcial. Aplicarase a suspensión en todas aquelas zonas que entran en contradición coas determinacións do PXOM. Nos ámbitos delimitados nas actuais normas subsidiarias como núcleo rural non se suspenderán, aplicando as determinacións máis restrictivas do PXOM.

– Solo rústico de protección de interese paisaxístico. Suspéndese ao definirse esta categoría de solo no PXOM.

– Solo rústico de protección de patrimonio cultural. Suspéndese ao definirse esta categoría de solo no PXOM.

– Solo rústico de protección de espazos naturais. Suspensión parcial. Non se suspenden no ámbito delimitado polo LIC A Marronda. Suspéndense no solo rústico de espazos naturais delimitado polo espazo natural Serra de Foncuberta, que se atopa en tramitación.

– En xeral, suspéndense en todos aqueles ámbitos en que as actuais normas subsidiarias municipais do ano 1988 entren en contradición co recollido no Plan xeral de ordenación municipal inicialmente aprobado.

Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento.

Baleira, 9 de xullo de 2013

Ángel Enrique Martínez-Puga López
Alcalde