Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Martes, 6 de agosto de 2013 Páx. 31511

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2013 pola que se modifica o prazo de execución dos proxectos acollidos ás axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Mediante a Resolución do 22 de maio de 2013 (DOG nº 102, do 30 de maio) publicáronse as bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e procedeuse á súa convocatoria.

Nesta liña de axudas establecíase que o prazo de execución dos proxectos non podería superar o 30 de setembro de 2013.

Tendo en conta o escaso prazo entre o fin de presentación de solicitudes (30 de xullo) e o prazo máximo de execución dos proxectos (30 de setembro), e que o proceso de avaliación prevé a publicación previa da proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas, podendo realizarse alegacións no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da súa notificación, e dado que non se causa prexuízo a terceiros, semella oportuno establecer que o dito prazo de execución non poida superar o 30 de outubro de 2013.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 22 de xullo de 2013, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras das axudas do Igape de apoio ás iniciativas abertas de difusión, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, publicadas mediante Resolución do 22 de maio de 2013 (DOG nº 102, do 30 de maio), no seguinte senso:

– Modifícase o punto cuarto do Resolvo, que queda redactado do seguinte xeito:

O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 30 de outubro de 2013. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento no prazo improrrogable dun mes desde o día seguinte á dita data.

– Modifícase o artigo 15.1, que queda redactado do seguinte xeito:

Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo dun mes desde a finalización do prazo de execución establecido na resolución de concesión, sen que se poida presentar a solicitude de cobramento despois do 2 de decembro de 2013, excepto no caso de presentación de recurso administrativo, en que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica