Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 2 de agosto de 2013 Páx. 31021

IV. Oposicións e concursos

Ministerio de Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2013, da Secretaría Xeral da Administración de xustiza, pola que se convocan bolsas de traballo de secretarios xudiciais substitutos.

De conformidade co disposto no artigo 451 da LOPX e nos artigos 134 ao 139 do Real decreto 1608/2005, do 30 de decembro, polo que se aproba o Regulamento orgánico do corpo de secretarios xudiciais, esta secretaría xeral acordou anunciar a convocatoria de bolsas de traballo de secretarios xudiciais substitutos de carácter provincial, conforme as seguintes bases:

Primeira.

O número de prazas que se convocan en cada provincia, así como a cota de reserva, son os que figuran no anexo I desta resolución.

As bolsas terán vixencia durante un ano a partir da publicación da súa constitución, prorrogable por outro.

Do total das prazas convocadas reservarase o 5 % para seren cubertas polos que teñan a condición legal de discapacitado, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, de conformidade co previsto no artigo 5 do Real decreto 264/2011, do 28 de febreiro (Boletín Oficial del Estado do 1 de marzo) sempre que acrediten o indicado grao de discapacidade e a compatibilidade funcional co desempeño das tarefas e funcións que corresponden ao corpo de secretarios xudiciais.

Segunda.

Poderán participar neste concurso as persoas que na data de remate do prazo de presentación de solicitudes reúnan os seguintes requisitos:

1º. Ser español e maior de idade.

2º. Ser licenciado ou graduado en Dereito.

3º. Non ter sido condenado nin estar procesado ou inculpado por delito doloso, quitado que obtivese a rehabilitación ou que recaese na causa auto de sobresemento firme ou que se cancelasen os antecedentes penais.

4º. Non ter sido declarado non-idóneo nos últimos cinco anos.

5º. Estar no pleno exercicio dos seus dereitos civís.

6º. Non estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

7º. Non ter sido separado mediante procedemento disciplinario dun corpo do Estado, das comunidades autónomas ou das administracións locais, nin suspendido para o exercicio de funcións públicas en vía disciplinaria ou xudicial, agás que fose debidamente rehabilitado.

8º. Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que lle impida o desempeño do cargo.

9º. Non ter feitos os setenta anos nin facelos durante o tempo de vixencia da bolsa.

Terceira.

Os interesados presentarán unha única solicitude de participación con indicación das provincias a que optan por orde de preferencia, dirixida ao secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza correspondente á provincia a que opte en primeiro lugar, o cal poderán efectuar directamente ou servíndose de calquera das modalidades previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro do prazo dos dez días hábiles comezados a contar a partir do día 2 de setembro, sen que incida no cómputo do dito prazo calquera outra forma de publicidade que se lle poida dar á convocatoria.

Cuarta.

1) As solicitudes de participación axustaranse necesariamente ao modelo incluído no anexo II desta resolución e unirán a este fotocopias compulsadas do documento nacional de identidade, do título de licenciado ou grao en Dereito ou do xustificante de pagamento das taxas para a súa expedición, da certificación do expediente académico da devandita licenciatura ou grao, certificado médico oficial que acredite non padecer defecto físico nin enfermidade psíquica ou física que incapaciten a persoa para o desempeño do cargo, así como dos documentos que resulten acreditativos dos méritos alegados polo/a concursante.

2) O certificado de antecedentes penais será achegado directamente polo Ministerio de Xustiza a través dos seus órganos administrativos, unicamente das persoas seleccionadas que non estean en activo no corpo de xestión procesual e administrativa.

3) As persoas que pertenzan a algún corpo da Administración e se atopen en situación de servizo activo achegarán unha certificación de non estaren suspendidas por mor de expediente disciplinario, agás no suposto de pertenza ao corpo de xestión procesual e administrativa, caso no que a dita acreditación será realizada polo Ministerio de Xustiza.

4) Os aspirantes que teñan a condición legal de discapacitados cun grao igual ou superior ao 33 por 100 deberán presentar certificación dos órganos competentes que acredite a súa capacidade funcional para desempeñar as tarefas propias do corpo de secretarios xudiciais.

5) No caso de que a solicitude non reúna os requisitos sinalados nas alíneas anteriores, requirirase a persoa interesada para que, dentro do prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos con indicación de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude.

Quinta.

Aqueles que formasen parte dunha bolsa, á convocatoria dunha nova deberán, se así o desexan, participar nela, procedéndose á valoración dos méritos alegados de acordo co previsto na nova convocatoria.

Sexta.

1) Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, os secretarios de Goberno procederán á valoración dos méritos alegados polos aspirantes que reúnan os requisitos exixidos.

2) Valoraranse os seguintes méritos, de acordo co baremo e os criterios de puntuación establecidos na Resolución da Secretaría Xeral da Administración de Xustiza, do 29 de maio de 2013, publicada no BOE do 15 de xuño de 2013, e a Resolución do 1 de xullo de 2013 pola que se corrixen erros na do 29 de maio, publicada no BOE do 13 de xullo:

a) Expediente académico.

b) Ser doutor en Dereito e cualificación alcanzada na obtención deste grao.

c) Anos de exercicio efectivo da avogacía ante os xulgados e tribunais, ditames emitidos e asesoramentos prestados. O tempo de exercicio profesional computarase desde a data da primeira alta como exercente en calquera colexio.

d) Ter actuado como oficial habilitado e o tempo de duración da dita habilitación.

e) Ter realizado tarefas de substitución de secretarios xudiciais, xuíces ou fiscais, e tempo efectivo das devanditas substitucións.

f) Anos de servizo efectivo como profesores de disciplinas xurídicas en universidades públicas ou privadas, ou como colaborador en departamentos de tales disciplinas.

g) Anos de servizo como funcionario de carreira ou interino en calquera outro corpo das administracións públicas para cuxo ingreso se exixa expresamente estar en posesión do título de licenciado ou graduado en Dereito. O tempo de exercicio profesional computarase desde que foron nomeados funcionarios en prácticas ou desde a data de toma de posesión no seu primeiro destino.

h) Publicacións científico-xurídicas.

i) Relatorios e comunicacións en congresos e cursos de interese xurídico.

j) Realización de cursos de especialización xurídica.

k) Ter aprobado algún dos exercicios que integren as probas de acceso pola quenda libre ao corpo de secretarios xudiciais, da carreira xudicial ou fiscal ou de calquera oposición para a que se exixise ter a condición de licenciado ou graduado en Dereito, nos últimos 5 anos.

l) Tempo de servizos, de ser o caso, no corpo de oficiais da Administración de xustiza e no corpo de xestión procesual e administrativa.

m) Ter coñecementos do Dereito e/ou da lingua propios nas comunidades autónomas que conten con eles.

Sétima.

1) Unha vez valoradas as solicitudes, os secretarios de Goberno procederán á elaboración dunha lista provisional de seleccionados en cada provincia, ordenados de maior a menor puntuación obtida, así como da cota de reserva, onde figurarán os apelidos, nome, número de documento nacional de identidade, número de orde e puntuación obtida por cada unha das persoas candidatas. No caso de que se produza igualdade de puntuación nas persoas seleccionadas para a bolsa de secretarios substitutos, resolverase en función dos seguintes criterios:

1º. Maior tempo de servizos en tarefas de substitución de secretarios xudiciais.

2º. Ter aprobado algún exercicio dos que integran as probas de acceso pola quenda libre ao corpo de secretarios xudiciais.

3º. Título de doutoramento.

Estas listas publicaranse nos taboleiros de anuncios dos tribunais superiores de Xustiza, audiencias provinciais, decanatos das capitais, unidades administrativas, delegacións do Goberno e sede central do Ministerio de Xustiza.

2) As persoas interesadas terán dez días hábiles para efectuaren reclamacións ante o secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza en que presentaron a súa solicitude, contados a partir do día seguinte ao da publicación das listas na sede central do Ministerio de Xustiza. As reclamacións relativas á valoración provisional de méritos só poderán referirse estritamente á valoración dos méritos que quedasen acreditados no momento da solicitude, respecto aos que non se admitirá en ningún caso a súa emenda. As reclamacións non poderán comportar a invocación nin acreditación doutros méritos distintos aos da solicitude.

3) No prazo de quince días hábiles o secretario de Goberno resolverá as reclamacións e confeccionarase a lista de aspirantes definitivamente admitidos. Unha vez confirmada polo secretario xeral da Administración de Xustiza e publicada na forma sinalada no punto 1 desta base sétima, así como na páxina web do Ministerio de Xustiza, remitirase ao Boletín Oficial del Estado e ao boletín oficial da comunidade autónoma para a súa publicación.

Oitava.

1) O chamamento será realizado polo secretario coordinador provincial no seu ámbito territorial e producirase por rigorosa orde de colocación dos aspirantes nas bolsas. Non obstante, os funcionarios do corpo de xestión procesual e administrativa en servizo activo que reúnan os requisitos exixidos e formen parte da bolsa serán obxecto de chamamento con preferencia fronte aos demais aspirantes das bolsas.

Os secretarios substitutos que se vaian nomeando deberán tomar posesión dentro do prazo das vinte e catro horas seguintes á comunicación do nomeamento, ante o secretario coordinador provincial.

2) Cando por renuncia ou outras causas legais de cesamento non existan candidatos suficientes, poderán ser nomeados, por rigorosa orde de méritos, os que obteñan puntuación na presente convocatoria.

3) No suposto mencionado na alínea anterior, aqueles aspirantes que solicitasen formar parte de varias bolsas de secretarios substitutos, unha vez que sexan nomeados na bolsa dunha provincia quedarán adscritos a ela e serán eliminados de todas as demais.

Novena.

As persoas candidatas que non teñan servizos efectivos prestados como secretarios substitutos ou non completasen seis meses nos dous últimos anos terán a consideración de secretarios substitutos en prácticas. O período de prácticas terá unha duración de dous meses desde o nomeamento e computarase de xeito continuado ou en períodos acumulables. Unha vez rematado ese período, o secretario coordinador provincial emitirá informe. Se este fose negativo, o secretario xudicial substituto cesará no posto de traballo e volverá ao lugar que lle corresponda na bolsa. O nomeamento posterior estará suxeito a novo período de prácticas, que no caso de non ser superado supoñerá o cesamento no novo posto de traballo e a súa exclusión definitiva da bolsa. A superación do período de prácticas non impide que se poida iniciar un expediente por rendemento insuficiente ou falta de capacidade.

O cómputo do período de prácticas quedará interrompido polo gozo de licenzas, permisos, vacacións e situacións de incapacidade temporal.

Décima.

Os secretarios substitutos quedarán suxeitos durante o tempo que desempeñen os ditos cargos ao estatuto dos membros do corpo de secretarios xudiciais, terán dereito a percibir as remuneracións correspondentes ao posto de traballo desempeñado e serán dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social. Os funcionarios do corpo de xestión procesual e administrativa que sexan nomeados secretarios substitutos manterán a súa inclusión obrigatoria tanto no réxime de clases pasivas do Estado como no mutualismo xudicial.

Décimo primeira.

Durante o tempo que desempeñen os seus cargos, os secretarios substitutos estarán afectados polas incompatibilidades e prohibicións contidas nos artigos 140 e seguintes do Regulamento orgánico do corpo de secretarios xudiciais.

Décmo segunda.

Se durante o tempo de vixencia da bolsa se iniciase algún expediente de declaración de non-idoneidade e no transcurso deste desaparecese o vínculo entre o Ministerio de Xustiza e o secretario xudicial substituto por causa imputable ao interesado, terase por excluído das bolsas.

Décimo terceira.

Os nomeamentos de secretarios substitutos quedarán sen efecto e producirán o cesamento destes:

a) No momento da toma de posesión ou reincorporación dos titulares aos seus destinos ou supresión da praza para a que foron nomeados.

b) Por falsidade nalgún dos requisitos exixidos ou circunstancias alegadas para a súa inclusión nas bolsas.

c) Por sanción disciplinaria firme en vía administrativa, distinta da de apercibimento.

d) Por expiración do prazo, ou cando desaparezan as razóns de necesidade ou urxencia polas que foron nomeados.

e) Por cumprir a idade de xubilación forzosa establecida na Lei orgánica do poder xudicial e no Regulamento para os funcionarios do corpo de secretarios xudiciais.

f) Por renuncia do interesado debidamente aceptada e xustificada.

g) Por resolución motivada do Ministerio de Xustiza, por proposta do secretario de Goberno correspondente, cando concorra algunha das causas de incapacidade, incompatibilidade e prohibición e cando deixasen de atender dilixentemente os deberes do cargo ou fosen manifestamente non-idóneos no seu desempeño.

A resolución poderá declarar o rendemento insuficiente ou a falta da capacidade do secretario substituto e dispoñer o seu cesamento e reincorporación por unha única vez á bolsa correspondente ou dispoñer o seu cesamento e exclusión definitiva da bolsa durante a súa vixencia.

Décimo cuarta.

Regulación para a Comunidade Autónoma de Canarias e Illes Balears:

Polas dificultades derivadas da fragmentación do territorio insular, establécese un sistema singular que é o seguinte:

• Na provincia de Las Palmas, ademais da lista principal ou bolsa de secretarios substitutos, haberá outra lista que denominariamos preferente, na que se incluirán aqueles aspirantes que, ademais de estaren necesariamente incluídos na primeira, manifesten a súa predisposición a prestar servizos con carácter prioritario nos órganos xurisdicionais radicados nos partidos xudiciais de Lanzarote e Fuerteventura.

• Na provincia de Santa Cruz de Tenerife, ademais da lista principal ou bolsa de secretarios substitutos, haberá outra lista que denominariamos preferente, na que se incluirán aqueles aspirantes que, ademais de estaren necesariamente incluídos na primeira, manifesten a súa predisposición a prestar servizos con carácter prioritario nos órganos xurisdicionais radicados nos partidos xudiciais das illas de La Palma, La Gomera e El Hierro.

As distintas listas confeccionaranse en función da puntuación obtida por cada un dos aspirantes.

No suposto de que coincida a oferta de destinos a un mesmo aspirante, tanto pola lista principal como pola preferente, corresponderalle a este a elección.

Para cubrir as necesidades das illas de Gran Canaria e Tenerife, efectuaranse os chamamentos da correspondente bolsa provincial.

Para cubrir as necesidades do resto das illas, acudirase en primeiro lugar á lista preferente da illa ata o seu esgotamento e, en segundo lugar, á bolsa provincial.

O feito de estar nunha lista preferente non o exime da súa participación na lista principal, polo que, se consonte a puntuación obtida é chamado para ocupar un destino nas illas de Gran Canaria ou Tenerife, a non-aceptación determinaría, de ser o caso, a exclusión de ambas as listas.

Logo de efectuado o nomeamento dunha persoa que compatibilice ambas as listas, pasará á situación de activo nas dúas, ben que, ao cesar, será de aplicación o disposto no Regulamento orgánico do corpo de secretarios xudiciais e incluirase en ambas no lugar que lle corresponda.

No anexo, deberá marcarse a opción ou opcións elixidas.

• Nas Illes Balears formaranse tres bolsas de secretarios substitutos, unha para cada unha das illas. Os solicitantes deberán manifestar se aceptan formar parte ou non da lista preferente de Mallorca, de Menorca e de Eivissa. No suposto de que un mesmo aspirante manifeste o seu desexo de estar nas tres listas e por puntuación así lle corresponda, deberá manifestar de forma expresa en cal delas desexa ser incluído.

Na solicitude deberá marcarse a opción ou opcións elixidas.

Á hora de efectuar o chamamento os secretarios coordinadores provinciais, tanto nas listas principais como nas preferentes, terán en conta a preferencia establecida na base oitava respecto aos funcionarios do corpo de xestión procesual e administrativa que formen parte das bolsas.

Décimo quinta.

Contra os acordos do secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante o Ministerio de Xustiza, co fin de esgotar a vía administrativa, e, se é o caso, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza correspondente.

Madrid, 15 de xullo de 2013

Joaquín Silguero Estagnan
Secretario xeral da Administración de xustiza

ANEXO I

Provincia

Prazas

Cota de reserva

Audiencia Nacional

10

3

A Coruña

50

15

Alacant

65

19

Albacete

40

12

Almería

17

6

Araba

15

5

Ávila

10

3

Badajoz

15

5

Barcelona

150

45

Bizkaia

50

15

Burgos

20

6

Cáceres

10

3

Cádiz

28

10

Cantabria

16

4

Castelló

40

10

Ciudad Real

40

12

Ciutadella de Menorca

10

3

Córdoba

15

5

Cuenca

20

6

Eivissa

15

5

Gipúzkoa

30

9

Girona

42

13

Granada

15

5

Guadalajara

20

6

Huelva

22

6

Huesca

10

3

Jaén

15

5

Las Palmas

70

21

León

20

6

Lleida

20

5

Logroño

10

3

Lugo

30

9

Madrid

150

45

Málaga

40

20

Mallorca

35

10

Murcia

32

10

Navarra

20

5

Ourense

40

12

Oviedo

30

9

Palencia

12

3

Pontevedra

50

15

Salamanca

14

4

Santa Cruz de Tenerife

70

21

Segovia

10

3

Sevilla

22

10

Soria

10

3

Tarragona

39

11

Teruel

10

3

Toledo

40

12

Valencia

75

22

Valladolid

12

3

Zamora

12

3

Zaragoza

30

9

Ceuta

5

2

Melilla

10

3

missing image file

– Enderezos dos tribunais superiores de Xustiza.

Secretaría de Goberno da Audiencia Nacional. R/ Goya, nº 14, 28071 Madrid.

Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía. Praza Nueva, nº 10, 18071 Granada.

Tribunal Superior de Xustiza de Aragón. R/ Coso, nº 1, 50071 Zaragoza.

Tribunal Superior de Xustiza de Asturias. Praza Porlier, nº 3, 33071 Oviedo.

Tribunal Superior de Xustiza de Canarias. Praza San Agustín, nº 6, Las Palmas de Gran Canaria, 35071 Las Palmas.

Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria. Avda. Pedro San Martín, s/n, 39071 Santander.

Tribunal Superior de Xustiza de Castela A Mancha. R/ San Agustín, nº 1, 02071 Albacete.

Tribunal Superior de Xustiza de Castilla y León. Paseo de la Audiencia, nº 10, 09071 Burgos.

Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña. Pª Lluis Companys, nº 14-16, 08071 Barcelona.

Tribunal Superior de Xustiza de Extremadura. Praza de la Audiencia, s/n, 10071 Cáceres.

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Praza Galicia, s/n, 15071 A Coruña.

Tribunal Superior de Xustiza de Illes Balears. Praza des Mercat, nº 12, 07071 Palma de Mallorca.

Tribunal Superior de Xustiza de La Rioja. R/ Víctor Pradera, nº 2, 26071 Logroño.

Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. R/ General Castaños, nº 1, 28071 Madrid.

Tribunal Superior de Xustiza de Murcia. Palacio de Justicia, Pª de Garay, nº 7, 30071 Murcia.

Tribunal Superior de Xustiza de Navarra. R/ San Roque, nº 4, 31071 Pamplona.

Tribunal Superior de Xustiza del País Vasco. R/ Barroeta Aldamar, nº 10, 48071 Bilbao.

Tribunal Superior de Xustiza de Valencia. Palacio de Justicia, s/n, 46071 Valencia.

Secretaría de Goberno Cidade Autónoma de Ceuta. R/ Padilla-Edificio Ceuta Center, 2ª planta, 11700 Ceuta.

Secretaría de Goberno Cidade de Melilla. Praza del Mar, s/n, Edificio Torre V Centenario 9ª planta, 29001 Melilla.